Isabel Rodríguez destaca o compromiso do Goberno co sector gandeiro, adiantando 26,7 M€ das axudas da PAC en Galicia

Rodríguez sinalou que o Goberno aprobou axudas para as asociacións de criadores de carácter nacional para a conservación de razas e destina 307M€ do Plan de Recuperación á modernización das explotacións
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou hoxe o compromiso do Goberno por atender as necesidades do sector gandeiro na provincia, que se constata cos 26,7 millóns de euros que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación comezou a transferir á comunidade autónoma para os pagos anticipados das axudas directas da Política Agraria Común (PAC) correspondentes a este ano.
Fíxoo na inauguración este sábado da “IV Xornada Monográfica do Porco Celta en Galicia”, que organiza a Asociación de Criadores de Gando Celta (Asoporcel), no Pazo de Feiras e Congreso de Lugo, e na que tamén participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o deputado Provincial, Roberto Fernández; o delegado da Xunta, Javier Arias; e representantes de Asoporcel.
Isabel Rodríguez salientou que “dende o Goberno de España temos moi presentes as dificultades que atravesa o sector primario, agravadas pola guerra de Ucraína e a suba dos prezos da electricidade, por iso comezamos a achegar as axudas do PAC para dotar de maior liquidez ás explotacións e axudar aos agricultores e gandeiros a paliar os efectos derivados desta situación”.
Nesta liña, lembrou que a partir do ano 2023 España contará cun novo Plan Estratéxico para a aplicación da Política Agraria Común, dotado con máis de 47.000 millóns de euros ata 2027, que contempla un incremento do 11% nas axudas asociadas aos sectores gandeiros. “A nova PAC será máis xusta, máis social e máis sostible co obxectivo de fomentar un sector agrícola intelixente, resistente e diversificado que garanta a seguridade alimentaria; a intensificación do coidado do medio ambiente, fortalecendo o tecido socioeconómico das zonas rurais”, subliñou Rodríguez.
Neste aspecto, informou que a PAC inclúe unha liña de fomento de razas autóctonas en perigo de extinción, como é o caso do Porco Celta. “Unhas axudas para que todos os gandeiros de porco celta teñan máis seguridades e certezas, porque representa un sector capaz de xerar emprego de calidade e dinamizar a economía”, afirmou a subdelegada que explicou que Galicia conta con máis de 4.000 exemplares rexistrados, sendo Lugo a provincia co maior número de produtores.
Así mesmo, Isabel Rodríguez sinalou que o Goberno de España aprobou axudas destinadas ás asociacións de criadores de carácter nacional para a conservación para manter a rica biodiversidade xenética e garantir un desenvolvemento sostible da gandería. Ademais, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, hai destinados 307 millóns de euros especificamente á modernización das explotacións e mellora da bioseguridade.
“E seguiremos traballando nesta liña, amosando o máximo apoio ao sector para dar resposta aos retos que temos por diante como a sustentabilidade, a rendibilidade, o relevo xeracional e a dixitalización. Porque sodes capaces de proporcionar alimentos de máxima calidade, impulsar as exportacións e dar vida ao noso rural”, apuntou.
Durante a intervención, a subdelegada aproveitou para agradecer a Asoporcel o labor que está a facer, asesorando aos gandeiros e gandeiras da provincia sobre a liña de axudas da PAC, “e por organizar iniciativas coma de hoxe, que son unha boa mostra do labor que desenvolve a asociación por conservar, mellorar e fomentar unha raza autóctona tan importante para o desenvolvemento dun modelo de produción gandeiro diferenciado e sostible”.