Isabel Rodríguez lembra ás 38 mulleres vítimas de violencia de xénero e subliña a importancia de “seguir traballando para erradicar esta lacra social”

O Sistema Vioxén de protección das vítimas ten rexistrados a día de hoxe 601 casos activos na provincia. A subdelegada detallou que destes non hai casos catalogados de risco extremo, pero si hai 6 de risco alto, 91 de risco medio, 277 de risco baixo e 227 de risco non apreciado

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiu este venres o minuto de silencio e a lectura da declaración institucional, celebrados diante da Subdelegación para conmemorar o 25N,  Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. No acto, tamén participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o deputado Provincial, Pablo Rivera; a concelleira de Igualdade, Ana Abelleira; representantes da Policía Nacional, Garda Civil, Institucións Penitenciarias, así como as traballadoras e traballadores da Subdelegación.

Isabel Rodríguez lembrou ás 38 mulleres vítimas de violencia de xénero durante este ano e subliñou o absoluto rexeitamento a todas as formas de violencia machista, “unha violencia estrutural que é a expresión máis cruel da discriminación, a situación de desigualdade e as relacións de poder dos homes sobre as mulleres” e reiterou a firme determinación do Goberno na consecución dunha sociedade máis igualitaria, libre de violencia contra as mulleres.

Igualmente, a subdelegada destacou que, tal e como pon de manifesto na declaración institucional aprobada polo Goberno “a erradicación da violencia contra as mulleres debe ser un obxectivo básico e ineludible das políticas públicas para calquera goberno que estea comprometido coa protección dos dereitos humanos”.

Neste sentido, sinalou que o Goberno está a promover iniciativas para avanzar na loita contra a violencia machista como a entrada en vigor da Lei de garantía integral da liberdade sexual, a consolidación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, a posta en marcha do Plan Camiño, para desenvolver medidas que dean alternativas económicas, laborais e sociais a todas as vítimas de trata e explotación sexual; ou a Estratexia Estatal contra as violencias machistas 2022-2025, que se aprobará este ano.

“A loita contra as violencias machistas forma parte do corazón da nosa democracia, e é desde este compromiso cos dereitos humanos e as liberdades fundamentais desde o que o Goberno quere enviar de novo unha mensaxe de recoñecemento e homenaxe a todas as mulleres, nenas e nenos vítimas da violencia machista, a quen xa non están entre nós, e ás súas familias, así como a todas as sobreviventes”, rematou a subdelegada.

601 casos activos na provincia

A subdelegada chamou á sociedade a seguir traballando unida na loita contra a violencia machista para erradicar unha lacra que está moi presente na sociedade, como o demostran os 601 casos activos na provincia que ten notificados o Sistema Vioxén de protección das vítimas. A subdelegada detallou que destes non hai casos catalogados de risco extremo, pero si hai 6 de risco alto, 91 que son de risco medio, 277 de risco baixo e 227 de risco non apreciado.

Xornada formativa o día 28

Con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Subdelegación organiza o próximo luns, 28 de novembro, a xornada “Violencia económica sobre la mujer: Impago de pensiones”, que impartiran a maxistrada titular do Xulgado nº2 de Lugo, Sandra Piñeiro Vilas; e a psicóloga sanitaria e forense da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, Raquel Lombao Fernández.

Esta actividade formativa está dirixida a persoal dos servizos sociais dos concellos da provincia, dos centros de información da muller e das asociacións lucenses que traballan con mulleres vítimas de violencia de xénero.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.