‘Karelu’, da compañía galega Os Náufragos Teatro, finalista dos Premios Florencio da Asociación de Críticos Teatrais de Uruguai

A peza, que aborda o maltrato infantil, está nomeada a mellor obra estranxeira xunto a outras tres producións
Karelu, da compañía galega Os Náufragos Teatro, é finalistas nos Premios Florencio 2022, os galardóns que outorga a Asociación de Críticos Teatrais de Uruguai, na categoría de mellor peza estranxeira.
A obra, escrita e dirixida por Ismael G. Candal e Gustavo del Río, aborda o maltrato infantil e a historia familiar de dous irmás. En xaneiro de 2022 a peza estivo programada no Espacio Teatro de Montevideo co apoio dos Fondo Xacobeo 21-22.
Na gala dos Premios Florencio, que se celebrará o vindeiro 5 de decembro en Montevideo, Karelu competirá para o galardón ao mellor espectáculo estranxeiro xunto a outras tres propostas. Unha delas a tamén galega O charco de Ulises, de Santiago Cortegoso, unha peza producida polo Centro Dramático Galego que como Karelu estivo de xira no país latinoamericano en 2021. As outras dúas propostas que optan ao premio son as arxentinas Mi nombre es Eva Duarte, de María Belén Pistone (El Cuenco Teatro) e Una, de Giampaolo Samás (Luigi Pirandello).
Karelu segue recibindo recoñecemento con este nomeamento internacional. O actor Denís López foi finalista na categoría de mellor actor nos Premios María Casares 2020 polo papel que interpreta neste drama que fala de relacións familiares, educación e violencia.
Este ano 2022, a compañía Os Náufragos Teatro recibiu o Premio María Casares ao mellor espectáculo para o público infantil e familiar por Hugo, unha peza sobre a empatía e o valor da diferenza que fala do trastorno do espectro autista (TEA) e que está en plena xira por Galicia e o resto do Estado. A compañía afincada na Coruña forma parte do catálogo de distribución de Urdime.