Maite Ferreiro presentou os orzamentos da Deputación de Lugo para 2023, que ascenden a 110,6 M€

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro presentou esta mañá os orzamentos da institución provincial para 2023, que ascenden a 110,6 millóns de euros, un 10,43 por cento máis en 2022

Na rolda de prensa, xunto á deputada de Economía e Facenda Mayra García Bermúdez e á deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo Pilar García Porto, Maite Ferreiro valorou “a necesidade das contas para dar continuidade á labor de apoio aos concellos, ao mantemento e ampliación da rede de Centros de Atención a Maiores e ao impulso do tecido económico, social, cultural e deportivo”.

“Son recursos fundamentais para a calidade de vida da veciñanza, nunha provincia na que a dotación de infraestruturas e servizos require un esforzo adicional pola extensión territorial e a dispersión poboacional das nosas comarcas”, sostivo a vicepresidenta, que valorou “o traballo do goberno provincial e do persoal dos distintos servizos administrativos para que un ano máis, como o fixemos ao longo da lexislatura, os orzamentos estean dispoñibles a comezos de 2023”.

Maite Ferreiro destacou a dotación do Plan Único de Cooperación cos Concellos – cunha previsión inicial de 21,5 millóns de euros- e o investimento na rede de Centros de Atención a  Maiores -cunha partida de  10,8 millóns de euros- como os piares dos orzamentos da Deputación de Lugo e debullou, polo miúdo, as partidas  das áreas de Deportes,  Artesanía e Deseño e Memoria Histórica ;  Medio Rural e do Mar e Mocidade; e  Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Linguística  “que chegan a través de distintas liñas de axuda ao tecido asociativo a todos os concellos da provincia”

Deportes

A área de Deportes mobilizará uns 4,1 millóns de euros  para apoiar a actividade deportiva, tanto no ámbito do deporte base e da actividade física saudábel, como no ámbito plenamente competitivo.

A area dirixida por Efrén Castro seguirá a ser o principal apoio institucional dos clubs de primeiras e segundas categorías estatais da provincia  e tamén o principal soporte económico para o tecido deportivo  de base e amador ”. As distintas liñas de axuda suporán un importe conxunto de 2,4 millóns de euros.

Ademais, os orzamentos contemplan unha partida de 1.267.000 para as instalacións deportivas que xestiona a Deputación de Lugo – 890.950 no Pazo dos Deportes e o Anexo, e 376.270 na Escola de Piragüismo- O investimento incremëntase nuns 400.000 respecto ao ano pasado para seguir cubrindo os gastos relativos a subministración de servizos básicos como electricidade, auga e calefacción ou limpeza e seguridade, e realizar melloras en ambas instalacións.

Artesanía e Deseño e Memoria Histórica

En 2023, o Centro de Artesanía e Deseño investirá máis de 360.000  para consolidar os proxectos de apoio e promoción da artesanía que ven desenvolvendo desde o inicio da lexislatura, apostando de forma decidida por visibilizar o traballo artesán e abrir novos camiños para a sostibilidade económica e social dun sector que é gardián de tradicións pero que ten enormes potencialidades. Ademais, seguirase impulsando o recoñecemento do patrimonio musical do Centrad, con  iniciativas como o encontro Celme de Zanfona.

No 2023, darase tamén un impulso  ao espazo permacultural que se puxo en marcha este ano no Lugar de Reque, no paseo do río Rato.  Maite Ferreiro destacou que “a actividade desenvolvida durante o ano espertou un enorme interese. Todos os obradoiros que se realizaron  tiveron máis demanda que prazas ofertadas, unha boa acollida que confirma a potencialidade deste proxecto, que revitalizou un espazo de especial interese para a cidade”.

Os orzamentos de 2023 avanzan tamén na consolidación dunha partida específica para Memoria Histórica dentro das contas provinciais, co obxectivo de colaborar con iniciativas guiadas pola  procura de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición en relación co golpe de Estado do 36 e da ditadura franquista

Cultura, Patrimonio e Normalización Linguística

En relación coa área de Cultura, Maite Ferreiro sinalou que “se destinará 975.000 a desenvolver programacions propias para achegar a actividade cultural a todo o territorio e  consolidar un sector económico e profesional, que precisa continuidade nos investimentos e apoio das administracións públicas para fidelizar público”

Nese sentido, avanzou que “se manterán programacións que se puxeron en marcha con gobernos nacionalistas na Deputación, como os circuítos de compañías de teatro e formacións musicais tradicionais, e tamén se impulsarán iniciativas vinculadas á ilustración, ao muralismo ou ao audiovisual,  dando relevancia á celebración de datas sinaladas para a cultura galega, como o Día de Rosalía ou o das Letras Galegas”

Tamén concretou que “se contribuirá ao financiamento do tecido asociativo cunha partida de 935.000, que se investirá en distintas liñas de axuda a asociacións de base e entidades dedicadas á promoción e dinamización cultural en diferentes eidos, desde a formación musical ata a normalización do galego.

A terceira liña de investimento, explicou, sustenta o funcionamento da Rede Museística – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e a Museo de Narla-, que en 2023  contará cun orzamento total de 3.620. 000, para seguir desenvolvendo os traballos de estudo, conservación e difusión que corresponden aos museos, e potenciando a súa interrelación coa comunidade e co territorio.

Medio Rural e do Mar e Mocidade

Medio Rural, Mar e Mocidade  contará cun orzamento total de 2,11 millons de euros  para seguir reforzando as liñas nas que ven traballando dende o inicio lexislatura, actuando en ámbitos que son estratéxicos para o rural e para o sector primario e nos que a área dirixida por Mónica Freire foi pioneira.

É o caso do programa de prevención de lumes “O Que Non Arde”, que supuxo a primeira iniciativa da Deputación de Lugo neste ámbito e que seguirá incidindo no pastoreo e na ordenación do territorio como ferramenta para a limpeza das faixas secundarias de protección, co aval de ter sido recoñecida este mesmo outono como mellor iniciativa de apoio á gandeiría extensiva dunha institución provincial a nivel estatal.

Darase tamén continuidade ao programa da Escola á Granxa, que está permitindo achegar a pícaras e pícaros dos colexios de toda a provincia a iniciativas exitosas de emprendemento no rural, coa intención de asentar unha visión positiva do noso tecido produtivo primario e poñer en valor o traballo das nosas agricultoras e gandeiros.

Tamén se continuará dando apoio á rede de asociacións agrogandeiras,colectivos profesionais e pequenas cooperativas agrarias que están traballando no desenvolvemento do sector, coa vista posta no coidado do territorio e a fixación de poboación no rural. Neste sentido, Medio Rural apostará por iniciativas que incidan na formación e no asesoramento, na mellora do valor engadido das producións ou a diversificación produtiva como fórmulas para xerar rendas que garantan a viabilidade das granxas e permitan avanzar cara á soberanía alimentaria.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.