Medio milleiro de delegadas e delegados de CCOO desprazaranse de Galicia a Madrid o 3-N para esixir a revalorización dos salarios

Cincocentos delegados e delegadas de Comisións Obreiras (CCOO) desprazaranse de Galicia a Madrid mañá xoves, 3 de novembro, para esixir subas salariais acordes ao encarecemento do custo da vida. Alí manifestaranse conxuntamente con compañeiros e compañeiras procedentes de todo o Estado, tanto de CCOO como de UGT. A mobilización partirá ás 10:30 dese tres puntos distintos da capital madrileña —Atocha, praza de España e Porta de Toledo—, para confluíren ás 12 horas na praza Maior.

O principal obxectivo desta manifestación é garantir o poder adquisitivo das familias nun contexto de inflación desbocada, provocada en orixe polo conflito en Ucraína e que se mantén e agrava grazas a que as grandes empresas aproveitan a situación para trasladar a alza de prezos ao resto de produtos. Isto amplía as marxes de beneficios e encarecen o custo da vida.

Desbloquear os convenios

A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, rexeita que a cidadanía «teña que volver pagar os custos dunha crise da que non ten culpa ningunha» e insta a patronal a «rectificar» a súa posición e «desbloquear a negociación colectiva».

A dirixente sindical sinala que a situación aínda se complica máis coa decisión do Banco Central Europeo de subir os tipos de xuro por terceira vez no que vai de ano. «Se non soben os salarios, reducirase aínda máis o consumo e isto afectará negativamente á actividade económica», advirte Pérez.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *