Mondariz insta a Mondariz-Balneario a convocar unha reunión de seguimento do convenio de colaboración para tratar as discrepancias

O Goberno de Mondariz respondeu por escrito a un ameazante requerimento do concello veciño para exixirlle o pagamento das liquidacións pendentes polos servizos de gardería, punto limpo e depuración de augas residuais
O Concello de Mondariz respondeu por escrito a un ameazante requerimento do Concello de Mondariz Balneario para exixirlle o pagamento das liquidacións pendentes correspondentes aos servizos conveniados de gardería, punto limpo e depuración de augas residuais, instando ao alcalde veciño a convocar unha reunión paritaria para resolver as discrepancias sobre a insuficiente xustificación de gastos nas liquidacións relacionadas coa Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) que se teñen enviado nos últimos anos.
O Concello de Mondariz-Balneario, no seu requerimento, ameaza ao Concello de Mondariz con denunciar o incumprimento do convenio de colaboración subscrito en 2005 para a súa extinción se non se aboan as liquidacións pendentes de pagamento dos anos 2019, 2020, 2021 e 2022, que segundo os seus cálculos ascenden a «máis de 130.000€, dos que 104.877,35€ corresponden aos exercicios 2019 e 2020». Na súa argumentación, invoca a cláusula 3 do devandito convenio sobre as obrigas das partes, os acordos sobre as achegas do Concello de Mondariz para o sostemento conxunto destes servizos que acadaron os respectivos alcaldes na reunión de seguimento do convenio celebrada o 26 de xaneiro de 2010, e a cláusula 8 sobre as causas de extinción do convenio. No entanto, ignora os requerimentos de información que o Concello de Mondariz lle enviou por escrito nos últimos anos para aclarar os custos derivados da depuración de augas residuais e xustificar as liquidacións por este servizo.
«Na nosa resposta manifestamos que estamos en desacordo co que se expón no escrito de Mondariz-Balneario, pero deixamos claro que os reparos e as discrepancias non deben ser motivo para romper a relación interadministrativa nin o convenio de colaboración, senón para todo o contrario, para buscar solucións que poidan satisfacer os intereses dos dous concellos», comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
Desde o Concello de Mondariz, alégase que o Concello de Mondariz-Balneario vén incumprindo sistematicamente o estipulado no anexo II do convenio de colaboración, que regula o procedemento de cobro das achegas de cada concello. «A liquidación de gastos efectuados será trasladada polo Concello de Mondariz-Balneario, xunto cos seus xustificantes, ao Concello de Mondariz para a súa aprobación ou formulación de reparos. Neste caso, os reparos serán resoltos pola comisión de seguimento do convenio, que tería que reunirse a estes efectos dentro dos quince días seguintes ao da notificación do reparo».
En xaneiro de 2010, os alcaldes dos dous concellos acordaron nunha reunión da comisión de seguimento do convenio unha modificación do procedemento das achegas do Concello de Mondariz establecido no anexo II que non foi ratificada en sesión plenaria e carece de validez a efectos xurídicos. «Atendendo ao anexo II do convenio, as liquidacións de gastos e propostas de achega económica deben ser remitidas antes do 31 de marzo e daranse por conformes de non formularse reparos nos vinte días seguintes á súa recepción. Ademais destas liquidacións definitivas, durante os meses de xullo e agosto deberán realizarse liquidacións provisionais dos gastos realizados durante os seis primeiros meses do ano. O Concello de Mondariz-Balneario non está cumprindo co procedemento que está establecido no convenio», explica o alcalde de Mondariz.
O concelleiro de Facenda dá conta aos grupos políticos da situación
Os grupos políticos da Corporación Municipal do Concello de Mondariz están informados do requerimento enviado polo Concello de Mondariz-Balneario e do incumprimento do convenio de colaboración. Este mércores, nunha reunión da Comisión de Contas, o concelleiro de Facenda de Mondariz, José Luis Fernández, deu conta a todos os grupos políticos da Corporación Municipal das liquidacións pendentes de pagamento que ten Mondariz con Mondariz-Balneario, así como das discrepancias que explican esta situación.
Respecto dos servizos conveniados de gardería e punto limpo, o Concello de Mondariz asegura que non ten pagamentos pendentes. «A liquidación correspondente ao exercicio 2021 chegou ao Concello de Mondariz en setembro, xusto un mes antes de recibir este escrito de requerimento. Dado que Mondariz-Balneario incumpriu os prazos establecidos no convenio, os 21.183,07€ do servizo de gardería terán que ir a recoñecemento de crédito por comunicación extemporánea», sinalouse no informe de Facenda.
No marco deste convenio de colaboración para o sostemento conxunto dos servizos de gardería, punto limpo e depuración de augas residuais, o conflito principal entre os dous concellos está relacionado coa xestión da EDAR. O Concello de Mondariz recoñece que as liquidacións dos anos 2019, 2020, 2021 e 2022 pendentes de pagamento ascenden a 152.278,49€, mais insiste na necesidade de xustificar debidamente os importes atribuídos a Mondariz, con información detallada sobre os custos da depuración de augas residuais. «Temos dúbidas razonables sobre o caudal atribuído a cada concello, sobre os custos da depuración e a súa distribución entre as dúas entidades usuarias. As cifras que manexamos respecto dos caudais, tanto do total de verteduras coma do asignado a cada concello, presentan unhas variacións estatísticas de difícil explicación», explica pola súa banda o alcalde de Mondariz.
O Goberno de Mondariz insiste desde hai tempo no cumprimento do convenio de colaboración, coa convocatoria dunha reunión da comisión de seguimento do convenio, tal e como se dispón no anexo II e na cláusula 4ª do mesmo. Entre as funcións da comisión de seguimento do convenio está a de «resolver as contradicións que se produzan sobre as liquidacións das achegas económicas de cada un dos concellos». Segundo manifesta o alcalde de Mondariz no seu escrito de resposta, «o requerimento realizado (por Mondariz-Balneario) non é o medio idóneo nin o regulamentariamente establecido para resolver as contradicións, ao contrario, é un incumprimento do disposto nel, ao igual que sería tratar de extinguir o convenio unilateralmente, sen utilizar o procedemento correspondente».
A EDAR, malia estar en territorio de Mondariz-Balneario e ser xestionada por este concello, foi construída por Augas de Galicia baixo a premisa de satisfacer as necesidades de depuración dos concellos de Mondariz-Balneario e Mondariz, con obxectivo de protexer ao río Tea da contaminación que representan as verteduras de augas residuais. No seu escrito de resposta, o alcalde de Mondariz aproveitou a ocasión para aclarar que «o Concello de Mondariz non se beneficia dun servizo que presta o Concello de Mondariz-Balneario, senón que nos estamos beneficiando mutuamente dun investimento realizado pola Xunta de Galicia con fondos europeos FEDER en Mondariz-Balneario para os dous concellos no ano 2005, dado que á vista da capacidade de depuración que ten a EDAR (6.000 habitantes equivalentes) non tería sentido realizar dita infraestrutura só para Mondariz-Balneario, que conta con 675 habitantes empadroados».