Noa Díaz cualifica de “vergoñenta e inaceptable” a campaña da Xunta con motivo do 25N

Esixe a retirada inmediata dunha campaña que “é en si mesma violencia machista sufragada con fondos públicos” por canto “culpabiliza ás mulleres de seren potenciais vítimas”

A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias esixindo a retirada inmediata da campaña da Xunta de Galicia con motivo do 25N. A responsable socialista cualifica a campaña de “vergoñenta e inaceptable” ata o punto de que “é en si mesma violencia machista sufragada con fondos públicos”.

A responsable socialista denunciou que esta iniciativa “absolutamente irresponsable” do goberno galego volve poñer novamente o foco nas mulleres, “culpabilizándonos de sermos potenciais vítimas de violencia machista”. Apunta que no PSdeG “levamos moito tempo demandando” que sexan os homes os destinatarios destas mensaxes institucionais, por canto “son eles os agresores, non as mulleres”.

O Grupo Socialista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias esixíndolle á Xunta a retirada fulminante desta campaña co lema “non debería pasar, pero pasa”, e desenvolver antes do Nadal unha nova campaña institucional contra a violencia de xénero “cuxa mensaxe poña o foco exclusivamente nos homes e se dirixa a eles”.

Amosou a súa sorpresa por esta campaña en medios de comunicación e redes sociais, centrada en imaxes nas que sinalan a mulleres soas en diferentes situacións. Por exemplo, presentan unha muller practicando deporte –co lema ‘Vístese coas mallas de deporte. Vai correr pola noite. Que sucede agora?’-.

Noutro caso a imaxe é dunha muller nunha discoteca –‘Unha discoteca. Unha copa desatendida. Que sucede agora?’-, na rúa –‘Unha moza camiña soa de noite. Leva as chaves na man. Que sucede agora?’-, ou na casa –‘Envíanlle unha foto íntima. El está cos seus amigos. Que sucede agora?’-.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.