O Grupo Socialista acada o apoio do PP para esixirlle á Xunta que reformule a normativa da recollida de mexilla e “facilitar o aproveitamento de todos os recursos naturais”

O viceportavoz do Grupo Socialista, Julio Torrado, acadou hoxe o apoio do PP a unha iniciativa que presentou na Comisión de Pesca do Parlamento para reclamarlle á Xunta que reformule a normativa da recollida de semente de mexillón. O acordo aprobado hoxe defende o “diálogo comprometido” cos colectivos implicados na recollida de mexilla.
O responsable socialista sinalou que o PP e o goberno galego “recoñecen que estaban equivocados” na decisión que tomaron hai dous anos de pechar as zonas de extracción de mexilla e fixo un chamado á “sensatez” para resolver o conflito buscando a convivencia entre mexilloeiros e percebeiros. Sinalou que “o sector quere resolver” a situación xerada polo goberno galego e, engadiu, “hai que resolver non en base a pataletas nin aos intereses particulares de ninguén”.
Reclamoulle ao goberno galego que “non lle bote gasolina ao fogo e intenten apaciguar o problema” e “deixe de botarlle gasolina ao fogo”. Reivindicou “buscar solucións de consenso e modificar a normativa no que sexa necesario” porque, engadiu, “os sectores están dispostos a dialogar, a ceder e achegar solucións” en base ao acordo, porque “percebeiros e bateeiros deben e poden convivir”.
Esixiulle ao PP que “sexan coherentes co seu voto” e resolvan a situación diante do problema evidente de falla de mexilla nas coras colectoras das bateas logo de que o goberno galego impedira a reciollida de semente nas rochas que viñan empregando dende hai décadas. Esta situación, dixo, “vai derivar nun problema nas depuradoras e nos cocedeiros”, e pon en risco a propia continuidade do selo de calidade do mexillón galego.
Advertiu que “o PP ve o problema como unha confrontación entre os sectores no que hai que tomar parte, pero é mentira, hai un conflito entre dous sectores alimentado polo goberno galego”. Apelou a “defender o que defenden os dous, que é o seu dereito a traballar e ofrecer un produto nas mellores condicións e co maior volume posibles”.
Por iso o acordo de hoxe apela a reformular a normativa tendo en conta “as ideas propostas dende os diferentes sectores para facilitar o aproveitamento de todos os recursos naturais, e que o nivel de produción de mexillón e percebe sexan o maior posible”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.