O Porriño acolle a máis de 40 persoas no XII Campionato de Tenis de Mesa pola saúde mental

No torneo, organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia en colaboración con Always TM, participarán 42 xogadores e xogadoras procedentes de toda Galicia
Saúde Mental FEAFES Galicia celebra este venres 4 de novembro o XII Campionato de Tenis de Mesa para persoas con problemas de saúde mental. Trátase dun encontro lúdico e deportivo no que participarán seis asociacións procedentes de toda a comunidade autónoma e que conta coa colaboración da organización local Always TM.
O torneo terá lugar nas instalacións de Always TM (Estrada de Redondela, 42) dende as 10:00 ata as 14:00 aproximadamente. Durante este tempo, desenvolveranse unha serie de partidos individuais nos que se enfrontarán 42 participantes. Tras a celebración do campionato, terá lugar a entrega de premios e, posteriormente, os asistentes celebrarán un xantar de convivencia.
As persoas que participarán no torneo proveñen de distintos lugares da xeografía galega e pertencen a seis asociacións e delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia: Andaina (Dodro e Ordes), Doa (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela), Avelaíña (A Guarda, Baiona, Ponteareas), e Saúde Mental Ferrol (Narón) e Saúde Mental FEAFES Galicia (Vigo).
O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, Saúde Mental FEAFES Galicia amosa á sociedade unha imaxe normalizada da saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.
As actividades de ocio e deportes que organiza Saúde Mental FEAFES Galicia axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois as persoas participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias na súa tarefa de coidados.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.