O PP de Burela insta a Llano a aclarar “onde están os 123.000 € para axudas fronte a covid-19 que o Concello non chegou a repartir”

O portavoz popular, Manuel Rouco, di que está demostrado que dos 181.000 euros anunciados só 58.000 chegaron a comerciantes, autónomos, hostaleiros e familias en dificultades 

No ano 2021 o goberno municipal de Burela anunciou con gran aparato propagandístico que dedicaba 181.000 euros a axudas a comerciantes, autónomos, hostaleiros e familias en situación difícil para facer fronte á situación creada pola pandemia de Covid-19. O portavoz popular, Manuel Rouco, di que o alcalde, Alfredo Llano (PSOE), recoñece que, da citada cantidade, só se empregaron para o fin indicado un total de 58.000 euros. Os populares queren saber a que se dedicaron os cartos previstos para axudas que non se destinaron a este obxectivo.

Rouco destaca o feito de que do importe total previsto só un terzo acabara chegando aos destinatarios, é dicir, comerciantes, autónomos, hostaleiros e familias en dificultades. “O máis grave é que o alcalde non quere aclarar onde van os cartos non empregados como axudas e limítase a dicir que nalgún lado estarán”. Rouco puntualiza: “Este é o alcalde de Burela en estado puro, este é o verdadeiro señor Llano”; queda perfectamente reflectido, di o portavoz popular, nesa expresión que supón unha falta de respecto a todos os veciños de Burela.

Manuel Rouco non deixa de destacar a explicación dada polo alcalde en relación a por que non se empregou a cantidade total prevista para as axudas para paliar as consecuencias da Covid-19. “Di que non fixeron falta máis cartos; é un verdadeiro insulto, especialmente coa que está a caer en Burela”.

Os populares teñen clara a verdadeira causa de que non se repartiran todos os cartos previstos para ditas axudas. Rouco explica: “En Burela todos sabemos cal foi a causa: debeuse á complexidade das bases, decididas polo goberno socialista, que regulaban ditas axudas. No seu momento avisamos dos problemas que traerían estas bases, pero no goberno non fixeron caso”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.