O PP de Vilalba propón convocar as axudas ao tecido asociativo nos primeiros meses de cada ano

A presidenta do PP de Vilalba e voceira do Grupo Municipal Popular, Sandra Vázquez, defende unha comunicación fluída e periódica coas asociacións e distintos colectivos do municipio. Así mesmo, considera que o Concello non debe entorpecer o desenvolvemento da súas actividades polo que aposta por “convocar nos primeiros meses do ano as distintas axudas municipais e asinar en tempo e forma os convenios coas entidades para que poidan saber de antemán de que orzamento dispoñen para organizar as súas actividades”.

Así o sinalou tras manter unha reunión con representantes da Cruz Vermella en Vilalba na que tamén participou a concelleira e vicesecretaria de Sanidade, Agustina Fernández. O encontro, que se enmarca dentro da rolda de xuntanzas de traballo con distintos colectivos veciñais, sociais, empresariais, culturais e deportivos do municipio, serviu para coñecer máis de preto as súas actividades e tamén as súas propostas e demandas.

Así, puideron constatar a “incerteza” que supón para as asociacións e distintos colectivos “a tardanza do goberno local do PSOE en levar a pleno para a aprobación das axudas nominativas e a convocatoria das axudas municipais de concorrencia competitiva”. Igualmente, tamén supón un atraso para a xestión da actividade de colectivos coma a Cruz Vermella non ter asinado aínda o convenio anual co Concello.

“O goberno local aínda non convocou as axudas de concorrencia competitiva e, tendo en conta que falta pouco máis de mes e medio para rematar o ano, os colectivos non disporán de moito tempo para executar os proxectos que queiran presentar para concorrer ás axudas municipais. Esta tardanza xunto á da aprobación das axudas nominativas e a da sinatura dos convenios con entidades vilalbesas, prexudica aos veciños e ao normal funcionamento dos colectivos e asociacións”, sinala a popular.

NOVOS EXEMPLOS DE FALTA DE XESTIÓN DO GOBERNO SOCIALISTA

Vázquez di que “non é nada novo. Este é un exemplo máis da falta de traballo e deficiente xestión á que xa nos ten acostumados este goberno local socialista”. Nese sentido, lembra tamén que “o contrato de recollida do lixo segue caducado e que o Concello de Vilalba segue sen contar cuns orzamentos actualizados porque o goberno local socialista non elaborou ningún e, polo tanto, continúan prorrogados dende o 2019, os aprobados polo goberno do PP co voto en contra do PSOE”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.