O PP ve “afán recadatorio” de Cajoto na previsión de incremento de ingresos nas arcas municipais por vaos e por volver cobrar polas terrazas

O goberno de Foz, presidido polo socialista Fran Cajoto, ten demostrada a estas alturas a súa incapacidade de xestión, especialmente significativa no campo económico. Por unha vez presenta os orzamentos para o exercizo seguinte no momento adecuado, pero faino cando acaba de aprobar os do ano en curso e apenas uns días despois dunha modificación de crédito no mesmo, que aínda non entrou en vigor. E agora anuncia que pretende recadar no 2023 un total de 38.000 euros máis polos vaos permanentes e volver a cobrar a taxa por ocupación de vías pública con terrazas. O PP ve nestas medidas afán recadatorio, relacionado cos intereses electorais do goberno local.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “No día de hoxe levantámonos con dous bandos do equipo de goberno que entendemos que teñen única e exclusivamente afán recadatorio. Por un lado, o bando polo que se modifican os vaos, que coincide con que se presentan os orzamentos para o 2023; pretenden recadar por vaos 60.000 euros, é dicir, 38.000 euros máis que no presente exercicio. Por outro lado, un bando informa aos hostaleiros de que se volve cobrar a taxa por ocupación de solo público con terrazas, é dicir, 30.000 euros máis de recadación”.
Os populares entenden “que non é o momento: non é o momento de apertar aos veciños e non é o momento de apertar a hostalería, que está pasando un momento moi complexo, non só pola covid, da que non se recuperou, senón porque estamos a vivir unha crise económica”. Cren que “é un afán recadatorio do equipo de goberno, que con estes dous bandos pretende recadar case 70.000 euros máis que no ano 2022”.
Castiñeira declara: “É un auténtico despropósito. Veñen de avisarnos de que se pretenden aprobar agora os orzamentos para o 2023; é certo que é o momento de facelo, pero é que hai poucos días que aprobamos unha modificación de crédito de case un millón de euros nos orzamentos do 2022, modificación que aínda non entrou en vigor. Agora entroulle a présa ao alcalde, pero é certo que mellor é que o orzamento para o 2023 veña agora que seis meses despois de iniciado o exercicio”.
Para o PP, “este caos, este desbaraxuste obedece única e exclusivamente a buscar réditos políticos e electorais e o único que fai é desordenar a vida dos nosos veciños e que lles saía máis cara, como proban estes dous bandos cos que nos espertamos no día de hoxe no noso concello”.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.