O PSdeG-PSOE de Punxín denuncia que o centro de saúde do municipio permanece coa calefacción apagada

A pesar da chegada da época de frío, por mor do «desleixo» do Partido Popular. As e os socialistas critican a «inacción» do goberno municipal ao que acusan de «ignorar» as peticións da veciñanza para o acendido da calefacción nun cento de saúde que segue acumulando «grandes» carencias.

Dende o Grupo Municipal Socialista explican que a 28 de novembro, a calefacción do centro de saúde atópase «apagada e sen funcionar», o que provoca que a veciñanza que acude ao mesmo, «teña que facer fronte a baixas temperatura, por mor da chegada do frío e a falta deste servizo». As concelleiras socialistas consideran que esta decisión «causa un grave prexuízo á veciñanza, que acude a diario o centro de saúde», motivo polo que esixen que «se proceda a conectar a calefacción coa maior brevidade posible.

A voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, fai fincapé en que «a ausencia da calefacción, súmanse as pésimas condicións de illamento do centro de saúde, o que provoca que se converta nesta época do ano, nun auténtico conxelador». Ante esta situación, a concelleira socialista insta ao goberno municipal a «solucionar os problemas de temperatura e proceder a acender a calefacción, para que deste xeito a veciñanza non pase frío namentres agarda a pasar consulta e as traballadoras e os traballadores poidan exercer nas mellores condicións posibles».

Peleteiro Vázquez tamén pon o foco sobre as «graves» carencias do illamento térmico do centro de saúde, o que se suma a «numerosos» problemas que esta instalación vén padecendo ao longo dos últimos anos. A voceira socialista subliña que o centro de saúde «é o que máis carencias e peores condicións presenta de toda a comarca». Ante esta situación, a concelleira socialista esixe «solucións e respostas as peticións da veciñanza» e critica a «inacción» do goberno municipal do PP e a «deixadez» da Xunta de Galicia.

As concelleiras socialistas lembran que en febreiro de 2021, xa presentaron unha iniciativa a nivel municipal para unha reforma «urxente» do centro de saúde, na que se incluíse unha «mellora» notoria no sistema de illamento térmico. Tal e como afirman «a día de hoxe, case dous anos despois, nada se fixo».

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.