O segundo disco do grupo ‘Ailá’ recolle cancións para invocar a protección dende a música e a danza

O grupo galego ‘Ailá’ prepara o seu segundo traballo discográfico, baseado na música de transmisión oral de Galicia e a súa relación cos símbolos protectores ou amuletos, como son os ‘San Andresiños’ ou “Sansolimóns’, para atraer a boa sorte ou como protección da saúde e do traballo.
Tal e como explica Xan Pampín, “as nosas músicas de transmisión oral son, na súa esencia, músicas protectoras. Protexen a nosa saúde física e metal, protéxenos da soidade, do esquecemento e son protectoras dun patrimonio vivo que se recrea con cada xeración. Por iso, como aqueles vellos pescadores que trazaban os ‘Sansolimóns’ invocando a súa protección, nós cantamos e bailamos para protexernos e estar máis unidos para soportar as inclemencias da vida e para recordar quen somos y de onde vimos”.
O novo disco do cuarteto ‘Ailá’ presentarase no 2023 e continúa na mesma liña de recuperación do patrimonio musical e danza de Galicia, pero tendo como protagonistas aos símbolos protectores da tradición popular, como os ‘San Andresiños’, pequenos amuletos que se facían con migas de pan, ou a estrela de cinco puntas que se facía cunha soa liña ou trazado, para invocar a sorte.
Este traballo conta co apoio da Xunta de Galicia, dentro do Programa Operativo FEDER GALICIA 2014-2020, e financiado pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), como parte das respostas da Unión Europea á pandemia da Covid-19.
Xotas, cantigas, muiñeiras, valses e pasodobles, son as múltiples propostas do cuarteto composto por Xan Pampín, Ángela Carou, Manuele Pardo e Abel Gañete. Representaron a Galicia no Festival Celtic Connection 2020 e foron premiados en Interrritmos 2020.
‘Ailá’ propón achegar ao público unha óptica moderna da tradición oral galega acompañada de sonoridades festivas e actuais, con instrumentos como o acordeón, a pandeireta, o bombo, o fliscorno e as tarrañolas. Mestúranse, con naturalidade, coas conchas ou as tixolas, ofrecendo así un curioso percorrido musical por Galicia.