Os novos talentos da moda desfilan mañá na pasarela ‘Despunte’

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acolle a 12ª edición de Despunte da EASD Mestre Mateo

Probas, nervios, últimos retoques, ilusión, moodboards, puntadas de última hora… na EASD Mestre Mateo sucédense estes días as mismas sensacións que no backstage de calquera pasarela internacional, só que os deseñadores forman parte do alumnado do Grao en Ensinanzas Artísticas Superiores en Deseño de Moda da EASD Mestre Mateo. Guiados polo seu profesorado, ultiman os preparativos da 12ª edición de Despunte, que se celebrará mañá xoves 3 de novembro ás 19h na Cidade da Cultura ante preto de 1.000 convidados (entre representantes de empresas, xornalistas, deseñadores, artesáns, familiares e representantes de organismos oficiais como a Directora Xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez Fernández; o Director Xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia Pérez e a Primeira teniente de alcalde, Mercedes Rosón Ferreiro.

Pero Despunte e moito mais que unha pasarela na que gozar coas pezas deseñadas por alumnos de moda. Así o explica Elisa González Penas, vicedirectora da EASD Mestre Mateo: <<Para nós Despunte é moito máis que un desfile. Diría que ten unha triple función: Dunha banda, a nivel social, supón unha oportunidade para amosar ao público o potencial e a capacidade dos deseñadores que saen da nosa escola desde o Grao en Ensinanzas Artísticas Superiores en Deseño de Moda. Nos últimos anos, tamén se ten incorporado ao desfile o Ciclo Superior de Xoiaría Artística que ofertamos, cunha escolma dos seus traballos. Ambas son titulacións que se imparten de forma oficial e pública en exclusiva de toda Galicia no noso centro, e non sempre a contorna é consciente da nosa existencia e da calidade do traballo do noso alumnado.

En segundo lugar, a nivel pedagóxico, é o mellor escenario para aprender desde dentro como funciona a organización dun desfile profesional. O noso alumnado do Grao en Deseño de Moda, desde os cursos máis baixos, participa na organización. Deste xeito, o alumnado de primeiro curso, realiza labores de asistencia á organización durante todo o evento; o alumnado de segundo e terceiro, colabora no backstage cos compañeiros que desfilan; e o de cuarto e os recén titulados, participan como deseñadores no desfile. O alumnado de segundo curso do Ciclo Superior de Fotografía tamén colabora realizando toda a reportaxe gráfica, e o do Ciclo Superior de Xoiaría Artística, desfilando cunh escolma dos seus proxectos finais.

E en terceiro lugar, permítenos achegarnos máis de preto ás empresas coas que colaboramos durante todo o ano a través das prácticas en empresas obrigatorias nas ensinanzas, así como ofrecer aos nosos egresados a posibilidade de entrevistarse con algunhas das empresas máis punteiras do sector na xornada de Talent Recruitment que realizamos pola mañá o propio día do desfile>>.

Premios Despunte

Un xurado profesional entregará un total de catro premios. A Mellor Colección Despunte, a Mellor Colección na categoría de alumnado egresado (Roberto Verino outorgará un contrato de formación na súa empresa); Mellor Colección Fusión Artesanía e Deseño De Moda, á mellor colección que integre a artesanía e o deseño (a “Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño” -Artesanía de Galicia- outorgará un premio de 1500€); Mellor Colección Miscelánea, á mellor colección na categoría de alumnado de últimos cursos (Aquelando Eventos e Carmen Díaz outogarán un premio de 400€) e Mellor Colección De Xoiaría: O Colexio de Xoiaría de Galicia outorgará unha suscripción durante 1 ano ao Colexio de Xoiaría ao deseñador grañador.

O xurado dos Premios Miscelánea, Despunte e Artesanía está integrado por Dora Casal, CEO de Roberto Verino; Sonia de Gerónimo, artífice e artesá da súa propia marca Degerónimo; Carmen Díaz, estilista ao fronte de Kookai Naf Naf Santiago, e por Siyi Xu, exalumna graduada en Deseño de Moda e Gañadora do Desfile Despunte 2019.

En xoiería por Luís González Bahamode, vicepresidente do Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia; Josefa Castro, orfebre e xerente de Noroeste Obradoiro e Arturo Ouro, presidente de Ourives de Compostela.

Visibilidade e oportunidades de emprego

O crecente interese das empresas do puxante sector textil galego non se aprecia só no apoio que brindan ao desfile. Na mesma mañá a EASD Mestre Mateo organiza unha xornada na Cidade da Cultura de Talent Recruitment que pon en contacto aos alumnos do centro público de estudios con compañías do sector interesadas en incorporar talento aos seus equipos, entre eles unha resprentación de RRHH de Inditex.

Moitas das empresas mais emblemáticas de Galicia teñen convenios de colaboración coa EASD Mestre Mateo para acoller alumnado en prácticas como Roberto Verino, Etiem Textile, Unipeku (Idoia Cuesta), Ana Muñiz, Gallupo Sport Clothes, María Barros, Ana Prados, Montse Arias, Sara Lage, Carmen Pichel, Blank Desing Project, Hilokune Estudio Logaro, Jealfer, Dakota Lean, Cocolé, Beflamboyant, Dreams Sustainable, Olga Santorini, Textil Lonia, Carmen Vázquez CDP, CTV Media, Eme Mode, Kusilas, Selmark, Vilagallo Retail, Zenit TV, Tartaruga, Felix de Martin ou Rir&Co Artesanía, entre outras.

Para a organización do desfile o profesorado da EASD Mestre Mateo non só contou co apoio das compañías téxtiles e artesás, por iso entre os seus agradecementos destaca ao Centro Integrado de Formación Profesional Someso (responsables do peiteado e maquillaxe das modelos), á Cidade da Cultura (quen un ano máis nos está a facilitar a cesión do espazo e dos seus servizos), a Artesanía de Galicia e á Dirección Xeral de Comercio e Consumo (patrocinadora do Premio Fusión Artesanía e Deseño), a Roberto Verino (patrocinador do Premio Despunte), a Carmen Díaz e Aquelando Eventos, patrocinadores do Premio Miscelánea, ao Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia, patrocinadores do Premio de Xoiaría, ao xurado, a todo o alumnado e profesorado que se volcou na celebración e organización do evento; ao alumnado do Ciclo Superior de Fotografía (que está a realizar toda a reportaxe do evento), alumnado do Ciclo Superior de Xoiaría, alumnado do Grao en Ensinanzas Artísticas Superiores en Deseño de Moda, que ademais de deseñar, colabora xa desde os primeiros cursos na loxística, tanto fóra como no backstage.

O evento emítese tamén en streaming a través da canle de Youtube da EASD Mestre Mateo, e poden seguirse os preparativos do desfile no instagram @easdmestremateo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *