Paloma Castro lamenta o “pouco ambicioso” orzamento da Xunta para Xustiza

Reclama o incremento do funcionario adscrito á Fiscalía Superior, impulsar a dixitalización do procedemento e adaptar os edificios nos que se atopan os xulgados de violencia de xénero
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, advertiu hoxe que o Orzamento dedicado pola Xunta á Xustiza é “pouco ambicioso” e provoca “carencias” que mesmo apunta a Memoria da Fiscalía Superior de Galicia. A parlamentaria socialista interveu na comparecencia do titular da Fiscalía hoxe no Parlamento para dar conta da Memoria do exercicio 2021.
Castro subliñou a “necesidade de incrementar o funcionariado adscrito á Fiscalía”, especialmente cando o Orzamento do goberno do Estado para o próximo ano prevé a ampliación do cadro de fiscais con 70 novas prazas. Apuntou ademais que Galicia “ten que poñerse as pilas” para dixitalizar o procedemento xudicial, porque “non se pode entender a falla de compatibilidade dos programas dos diferentes axentes xudiciais”.
A parlamentaria socialista reivindicou o reforzo de medios persoais, tecnolóxicos e tamén materiais para a Xustiza galega, logo de que o goberno galego veña de presentar uns orzamentos para o ano 2023 que “só contemplan a ampliación da sede do Imelga de Santiago e o terceiro xulgado de A Estrada, tal e como ven repetindo os últimos dous anos”.
Sen embargo, este proxecto “deixa fora moitas infraestruturas necesarias”, coma novos xulgados en vilas medianas que si están contemplados no Plan de infraestruturas xudiciais, así coma o novo edificio para a fiscalía autonómica.
Violencia de xénero
Paloma Castro trasladou a súa preocupación pola situación na que se atopan os xulgados de violencia de Galicia, “non só os de instrución ou mixtos, senón tamén os exclusivos de A Coruña ou Vigo”, o que cualificou de “incomprensible”. Os socialistas galegos reclamaron un Plan de adaptación dos inmobles ás esixencias legais que garantan o benestar e a seguridade das vítimas que dan o paso de denunciar.
Ademais, alertou fronte á carencia dun protocolo unitario de funcionamento ou de asistencia psicolóxica ás vítimas, o que “produce vítimas de primeira e de segunda, segundo onde se tramite o procedemento”. Sinalou que as medidas cautelares ou definitivas “non están a resultar todo o eficientes que deberan”, como demostra a “alta porcentaxe de quebrantamentos da orde de afastamento ou os problemas de implantación da pulseira telemática”.
A parlamentaria socialista alertou da “clara desprotección” das vítimas da prostitución, como demostra que as asociacións que traballan contra a trata en Galicia teñen atendido a 2.500 mulleres en 2021, cando só hai 13 procedementos incoados.
Finalmente, replicoulle ao PP sinalando que os datos da Fiscalía evidencian unha redución do 2 por cento nos delitos de usurpación de vivenda, o que demostra que “non existe un problema real coa okupación en Galicia”, senón que “estamos a falar dunha consecuencia da ausencia de políticas sociais de vivenda” por parte do goberno galego.