PARAÍSO CANTO en concerto este sábado na Casa-Museo Manuel María

Unha proposta de Gabi Reboredo e Martiño Malleiro en que a música de tradición oral galega mestúrase con outras sonoridades do mundo e do jazz

Este sábado, 12 de novembro, ás 20 horas, o dúo conformado por Martiño Malleiro e Gabi Reboredo, PARAÍSO CANTO, estará na Casa-Museo Manuel María para presentar a súa música. Unha proposta que parte do canto tradicional galego e que procura un son persoal con arranxos propios e que experimenta, tamén, con outras sonoridades do mundo, así como do jazz.

A persoal e expresiva voz de Gabi xunto ao latir dos seus pandeiros é acompañada con gusto e delicadeza polos clarinetes baixo e soprano e mais polo acordeón cromático de Martiño. O repertorio de Paraíso Canto, diverso e emocionante, apóiase no canto comunitario, no canto do pobo, legado marabilloso presente nas casas, nas aldeas, nas tabernas…

Gabi Reboredo, profesor de clases de baile, canto e pandeiro en diversas entidades culturais e musicais da xeografía galega, participou no disco Galiza de Kepa Junquera, como membro de aCentral Folque; foi letrista de discos como Lobos, de Davide Salvado, Rústica, disco colectivo de Cristina Pato, Anxo Pintos, Davide Salvado e Roberto Comesaña, e do álbum homónimo de Caldo. É colaborador habitual de Sheila Patricia. Martiño Malleiro, o outro membro de Paraíso Canto, ten formación de conservatorio en música clásica e na actualidade forma parte do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra.

Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.