PP Viveiro. «Remata un ano máis sen Plan Xeral de Ordenación Municipal pola incapacidade de xestión do goberno de Loureiro»

O goberno de Viveiro, presidido pola socialista María Loureiro, é incapaz de ir máis alá da xestión do “pinta e colorea”, como o demostra o feito de que todos os asuntos verdadeiramente relevantes seguen atascados na recta final do mandato municipal. Un dos asuntos que non saen adiante, con grave prexuízo para os intereses do municipio, é a tramitación do imprescindible Plan Xeral de Ordenación Municipal. Así o pon de manifesto o portavoz popular, Óscar Rodríguez, ao fío da sesión plenaria celebrada na noite do martes pola corporación municipal. “Unha vez máis quedou claro que o goberno local é incapaz de sacar adiante o planeamento urbanístico”.

Para o portavoz popular, “é inaudita a incapacidade dos gobernos presididos por alcaldes socialistas en Viveiro para dotar ao concello dun planeamento urbanístico acorde ás necesidades e condicións do municipio, no seu conxunto, e da cidade en particular”. Engade: “Levamos anos e anos nos que supostamente se está a traballar para a redacción do PXOM, pero todos os anos acaban sen que se saiba nada sobre o novo planeamento”.

Rodríguez indica: “O desenvolvemento de Viveiro está bloqueado por falta de PXOM; e dicir que está bloqueado quere dicir que o sector da construción está parado e que son moitos os veciños que sofren as consecuencias da falta de desenvolvemento urbanístico dos seus barrios”. Cita, nesta liña, o caso dos veciños de A Misericordia, que reclaman, sen éxito, a mellora do acceso a este barrio”.

O portavoz popular lamenta que aqueles que no seu momento apoiaron ao socialistas non foran capaces de esixir que se executaran os compromisos con eles adquiridos, como foi o da redacción do PXOM. “Non será pedindo máis comisións nas que o goberno diga o mesmo que leva anos dicindo como se dotará a Viveiro do PXOM que necesita e cada vez con máis urxencia”. Rodríguez lamenta que a única reacción do goberno local sexa intentar botar a culpa da súa incapacidade de xestión a outros organismos e administracións.

Óscar Rodríguez sinala: “Con tal de non asumir responsabilidades, son capaces de dicir o que faga falta e de facelo sen ruborizarse. Unha boa mostra é a resposta do goberno local fronte á nosa petición para mellorar o pavimento da Calexa das Monxas; limitáronse a indicar que se hai caídas é porque os peóns non usan o calzado adecuado. E quedaron tan anchos”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.