Santiago acolle a vindeira semana as catas dos meles e queixos de Galicia

Nas catas dos queixos participarán un total de 30 queixerías pertencentes ás catro denominacións de orixe protexida con 41 mostras. Na dos meles concursarán 20 industrias de mel, as que inscribiron un total de 33 meles nas categorías de meles monoflorais e multiflorais

A vindeira semana terán lugar en Santiago de Compostela as catas dos meles e os queixos de Galicia 2022. Serán a XXV cata dos queixos e a XXI cata dos meles e desenvolveranse do mércores 23 ao venres 25 de novembro no Centro Integrado de Formación Profesional Compostela.

Este certame agroalimentario está organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, en colaboración cos diferentes consellos reguladores da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e das catro denominacións queixeiras de Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro.

Nestas catas competirán un total de 30 queixerías pertencentes ás catro denominacións de orixe protexida con 41 mostras distribuídas entre a DOP Queixo Tetilla, DOP Arzúa-Ulloa e a categoría Arzúa-Ulloa curado, DOP San Simón da Costa e DOP Cebreiro. Cabe salientar que a porcentaxe de empresas que participan nestas catas en relación coas queixerías inscritas nas DOPs é do 81%.

No caso dos meles, concursarán 20 industrias de mel, as que inscribiron un total de 33 meles nas categorías de meles monoflorais e meles multiflorais. Así, algo máis da metade das industrias inscritas na IXP participarán neste certame.

Cata a cegas

O persoal da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, en colaboración cos consellos reguladores, é o encargado de desenvolver con todas as garantías, o rigor e a seriedade un dos concursos agroalimentarios máis importantes de Galicia. Nel escóllense os mellores queixos e meles galegos nas súas diferentes categorías.

Para asegurar o anonimato da marca concursante, as mostras dos queixos participantes non levan a súa etiqueta habitual nin calquera outro elemento que os poida identificar. No caso dos meles, e dada a gran diversidade dos envases empregados na súa expedición comercial, as mostras recolléronse en envases de cristal transparente sen marcas, debuxos nin calquera outro elemento que puidera levar á súa identificación.

Panel de cata

O panel de cata confórmase de acordo coas propostas dos consellos reguladores e do sector baixo a supervisión da Consellería do Medio Rural. Para a selección dos expertos téñense en conta criterios como a súa formación; coñecemento no sector; experiencia en catas; representación de asociacións de restauradores e catadores; ou relacionados coas seccións de gastronomía de distintos medios de comunicación galegos e estatais, e membros do panel de cata dos consellos reguladores.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.