SE O PRESENTE É LOITA O FUTURO SERÁ LIBRE. Por @DulceCorcu

É duro seguir xuntándonos aquí cada 25 de novembro, convocándonos para unha loita sen a que o noso futuro non pode ser en liberdade incluso no século XXI, o dos avances e o progreso en case todos os sentidos. Porque no da violencia contra as mulleres, o tempo parece querer seguir detido con cifras escalofriantes cada ano de novas vítimas. Falamos das que son asasinadas porque as outras, as do maltrato diario tanto físico coma psicolóxico, son invisibles para unha sociedade que sabe que están aí, pero que adoita mirar cara outro lado cando realmente é algo que todas, dun xeito ou doutro, podemos chegar a padecer.

A Violencia de Xénero é o produto dun machismo que aínda se nega, que nos queren facer crer que inventamos nós, as propias vítimas. Máis de mil mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas en menos de dez anos -desde que se contabilizan en 2.013- son puro azar, intentan convencernos. Nesa negación está parte do problema, nas institucións que deberan defendernos pero minimizan as nosas vidas, ao igual que unha boa parte da xustiza que aínda precisa vernos mortas para sentenzar aos agresores. A violencia mediática segue existindo, a que sinala e pon o ollo público sobre as vítimas de agresión sexual, condeadas moito antes de ir a xuízo algún pola turba dos «que levaba posto»? «ninguén lle mandou beber» «vestida así que esperaba»? A nosa loita pola libertade non é só contra os nosos agresores, é tamén contra un entorno que non quere ver unha realidade que nos condea diariamente, e coa violencia vicaria exercendo o seu maquiavélico plan de arrebatarnos o que máis queremos para darnos alí onde saben que máis doe: arrebatándonos aos nosos fillos e fillas. Son os tentáculos do machismo, a raíz dunha violencia de xénero que loitamos no presente para que o noso futuro e o de todas as que están por vir, sexa LIBRE!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.