Teatro familiar con “A viaxe do Señor López”, este sábado, na Casa-Museo Manuel María

Con este espectáculo protagonizado polo dramaturgo e e actor lucense, Rubén Pérez Pombo, comeza a programación do mes de novembro na Casa-Museo Manuel María, na cal tamén estarán nos próximos sábados Paraíso Canto, Uxía & Germán Díaz e Paco Nogueiras

«A viaxe do Señor López», protagonizada polo actor e dramaturgo lucense Rubén Pérez Pombo, será o espectáculo que, este próximo sábado, 5 de novembro, ás 17 horas, se poderá presenciar no auditorio da Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. Inícianse así as actividades que neste mes de novembro farán pasar pola Casa-Museo Paraíso Canto (12 de novembro), Uxía & Germán Díaz (19 de novembro) e Paco Nogueiras (26 de novembro).

A peza teatral deste sábado, dirixida para nenas e nenos a partir de seis anos e as súas familias, ten a seguinte sinopse: O Señor López é unha persoa solitaria, triste e gris. Un día calquera acontécelle unha desas cousas solitarias, tristes e grises tan característica do mundo dos adultos e a partir dese momento todo cambia. Monta unha compañía de teatro. Aprende a contar chistes. Fala idiomas inventados. Viaxa nunha balsa por un mundo cheo de cores e alegría. O Señor López convértese nun paxaro-inuit.

Rubén Pérez participou no pasado en proxectos teatrais coas compañías Palimoco, Microefectos Dramatúrxicos, Ítaca Teatro, así como Lucecús Teatro ou Ibuprofeno e coordinou diferentes proxectos interdisciplinares como Esperta Zoe, Rincon Literario ou Buxiganga, proxecto teatral da Deputación de Lugo. Con varias publicacións e premios como creador artístico, puxo en marcha nestes últimos anos unha compañía, Señor López Producións Teatrais, un proxecto persoal onde quere desenvolver a súa faciana máis persoal e divertida, achegando propostas educativas para o público máis novo co obxectivo de encher os teatros.

Para asistir ao espectáculo é necesario facer reserva (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.