Tomiño bota unha ollada ao seu pasado na I Xornada de arqueoloxía do Baixo Miño

Será este sábado 19 no salón de plenos dende as 10.00 h e renderá homenaxe a Xoán Martínez de Tamuxe

Tomiño bota unha ollada ao seu pasado coa celebración da ‘I Xornada de arqueoloxía no Baixo Miño: un patrimonio por descubrir’, un encontro formativo organizado polo Concello e coordinado pola Universidade de Vigo e a Universidad Autónoma de Madrid que permitirá a todas as persoas asistentes “achegarse ao rico patrimonio que temos no municipio e na comarca, recollendo a historia das nosas e nosos devanceiros e permitíndonos entender a nosa realidade”, como explica a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

A xornada, que renderá homenaxe ao historiador, arqueólogo e investigadora galego Xoán Martínez de Tamuxe, conmemorará o 50 aniversario do descubrimento do xacemento romano e tardorromano dos Medos e do Adro da parroquia de Currás, descuberto na primavera de 1972. Foi o propio Martínez Tamuxe xunto a J. Gómez Sobrino e A. González os que lideraron esas primeiras escavacións no xacemento, que é un exemplo “do enorme potencial arqueolóxico e histórico que ten o Baixo Miño, que dá pé aos numerosos proxectos de investigación e de divulgación que se veñen desenvolvendo nos últimos anos en toda a comarca”.

Liderada por Fermín Pérez Losada, o investigador do grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Facultade de Historia da Universidade de Vigo, e Silvia González Soutelo, investigadora do Madrid Institute for Advanced Studies (MIAS) da Autónoma de Madrid, a xornada reunirá a 15 expertas e expertos que afondará no valor arqueolóxico, paisaxístico e patrimonial do municipio e da comarca dende as 10.00 ata as 21.00 horas no salón de plenos do Concello.

A xornada comezará coa homenaxe a Martínez Tamuxe por parte dos dous investigadores coordinadores, que tamén falarán o equipo arqueolóxico do Baixo Miño e do xacemento de Currás. Tras eles Eduardo Méndez, da Universidade de Vigo falará dos avances do estudo do Paleolítico antigo no Baixo Miño e Ana Betancourt, da Universidade de Minho, sobre as artes rupestres na comarca. Da man da arqueóloga Mar Cortegoso, Brais X. Currás (CSIC), M. Costa, T. Brochado e J. Machado as e os participantes poderán coñecer a evolución da explotación de sal dende a protohistoria ata a época romana no noroeste da península ibérica, así como da paisaxe no Baixo Miño entre a Idade do Ferro e a época romana.

Xa pola tarde, Juan José Perles explicará as actuacións arqueolóxicas no ámbito do conxunto histórico de Tui e Nieves Veiga (Veigarqueoloxía) e P. Ramallo (Max Planck Institute for Geonthropology e UPV/EHU) afondarán nas actuacións na igrexa parroquial tudense de San Bartolmé de Rebordáns. Pola súa parte, Francisco Alonso (Tempos), M. Fernández Pereiro e J.C. Sánchez Pardo (USC) falarán sobre o Monte Aloia e o Faro de Budiño, dous xigantes calados ata non hai moito. A última charla, a cargo dos investigadores da Universidade de Minho María do Carmo Ribeiro e R. Blanco-Rotea, versará sobre a arqueoloxía dos fortes da Portela do Extremo en Arcos de Valdevez, unha paisaxe de transición entre a raia húmida e a raia seca.

Este encontro rematará cunha visita nocturna de 19.00 a 21.00 horas ao petróglifo do Monte Tetón, que estará guiada por Lois Villar do Instituto de Estudos Miñoranos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *