Xunta, Navantia e UDC constitúen o Centro Mixto de Investigación para desenvolver o estaleiro do futuro no Campus Industrial de Ferrol

O reitor da UDC, Julio Abalde; o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; o director do negocio de fragatas y buques de intervención de Navantia, Eduardo Dobarro; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; o director do proxecto do Centro por parte de Navantia, Rafael Morgade; e o investigador principal por parte da UDC no CEMI UDC-Navantia, Pablo Fariñas, presentaron esta mañá o novo Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia no Campus Industrial de Ferrol.
Este Centro é a evolución da Unidade Mixta de Investigación UDC-Navantia, constituída en 2015 e que implicou a un centenar de investigadores procedentes de Navantia e da UDC. Pablo Fariñas mencionou algúns dos logros obtidos nos últimos seis anos de traballo. Co apoio da Axencia Galega de Investigación (Gain), a UMI tivo un investimento total de 4,9 millóns de euros, dos que Navantia aportou tres, 1,4 millóns de Gain e 0,5, a UDC.
Fariñas mencionou algúns dos resultados acadados nas 16 liñas de investigación abertas coa UMI, como os 154 investigadores implicados, dos que 42 foron novas contratacións, que lle dedicaron ao proxecto máis de 368.000 horas de traballo. Dúas patentes e rexistros de software, un premio de transferencia de tecnoloxía, cinco procedementos industriais, tres algoritmos e dez modelos piloto son algúns dos logros obtidos. Así como, na parte académica, máis de 95 publicacións científicas, once teses de doutoramento e máis de 50 presentacións en congresos. A UMI foi, definiu Fariñas “un semillero de talento”. Froito da investigación da UMI xurdiron proxectos como o “Buque sen cables” ou o “Xemelgo Dixital” que, co seu desenvolvemento, constitúen un fito na construción naval militar mundial.


Rafael Morgade, pola súa banda, avanzou as tres novas liñas de investigación que desenvolverá o CEMI englobadas en Xemelgo dixital de produto; xemelgo dixital de procesos ou planta e novos procesos. Morgade apuntou que a CEMI contribuirá á competitividade e eficiencia dun estaleiro que está en plena transformación. “Temos en Ferrol coa CEMI unha oportunidade única”, engadiu.
Nesta mesma liña foi a intervención do director do negocio de fragatas y buques de intervención de Navantia, Eduardo Dobarro, quen afirmou que “esta é unha historia de éxito de seis anos e o labor de continuidade da CEMI é clave para a innovación do estaleiro”, e manifestou o seu desexo de que nesta nova etapa se implique a outras entidades como a industria auxiliar e a Armada. Dobarro manifestou o seu optimismo co futuro da construción naval de Ferrol ao declarar rotundo que “vén unha década dourada para Ferrol”.
O reitor destacou que a CEMI é unha continuación lóxica do traballo realizado por Navantia, UDC e GAIN nos últimos anos cuns resultados que superaron as expectativas o que animou a Abalde a pedir á Xunta máis financiamento para investigación porque, á vista dos logros obtidos, vese que “non é un gasto senón un investimento”.
O conselleiro recoñeceu o traballo desenvolvido nestes últimos seis anos felicitando a Navantia e á UDC. O vicepresidente primeiro explicou que a UMI primeiro e agora o CEMI xeran un ecosistema científico e tecnolóxico desde o punto de vista académico e industrial. “Os ecosistemas teñen sentido cando hai talento e a CEMI é unha aposta polo talento”, concluíu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.