A Executiva do PSOE designa a Iván Puentes novo portavoz do Grupo Municipal no Concello de Pontevedra

O candidato á Alcaldía substituirá no cargo a Tino Fernández, que seguirá a desempeñar as súas funcións como tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Deportes
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Iván Puentes, será o novo portavoz do Grupo Municipal dos socialistas no Concello capitalino. A decisión foi adoptada por aclamación onte pola tarde nunha xuntanza mantida pola Comisión Executiva da Agrupación Socialista de Pontevedra na súa sede de Irmáns Nodales.
Deste xeito, Puentes substitúe como voceiro a Tino Fernández, que seguirá a desempeñar as súas funcións como tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Deportes do Concello. A Executiva Municipal adopta esta decisión por coherencia co resultado das eleccións primarias recentemente celebradas no seo do partido e nas que o actual concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural foi proclamado candidato á Alcaldía para as municipais de 2023.
Iván Puentes recolle a testemuña «do bo traballo realizado ao longo deste mandato polo compañeiro Tino Fernández, con moita ilusión e gañas, e como sempre, facendo do diálogo e da escoita activa, os nosos sinais de identidade». «O meu obxectivo -avanzou Puentes- é o de fortalecer aínda máis o papel do PSOE no Goberno municipal».
Durante a xuntanza da Comisión Executiva tamén se abordou o procedemento orgánico para a elaboración de candidaturas (listas) de cara as eleccións municipais do 28 de maio e aprobouse o organigrama do Comité Electoral.