A investigadora galega Marisa Castro publica a súa primeira novela, na que se achega ao universo das curandeiras

A autora, natural de Lugo e profesora durante tres décadas na Universidade de Vigo, pertence a unha longa saga de homes dedicados á aplicación dos remedios populares
“A saga das curandeiras” é a primeira novela de Marisa Castro, recoñecida bióloga galega que nesta ocasión mergúllase na ficción para nos achegar a Rosalía Carcedo, unha curandeira a través de cuxa vida nos convida a facer unha viaxe durante a primeira metade do do século XX, desde a súa Galicia natal, pasando polo Madrid da República e da Guerra Civil, ata a aldea de orixe á que volveu durante a ditadura. Alí, Rosalía, personaxe ficticio baseado na sabedoría dos antepasados da autora e dalgunhas curandeiras ás que visitou, continúa aplicando o seu coñecemento dos remedios naturais, a pesar da incomprensión e a incredulidade dos que a rodeaban. “A saga das curandeiras” está editada por Hércules de Ediciones en galego e en castelán e chegará as librarías a próxima semana.
A trama permite coñecer a relación das curandeiras coa poboación e coas autoridades civís e relixiosas. A autora recolle na novela receitas e casos particulares que coñeceu da man da súa familia e de varios anos de investigación «in situ» sobre o tema, e axuda a aproximarse ao uso das herbas e dos cogomelos, tanto con fins curativos como máxicos, nese mundo críptico das meigas galegas.
Quinta saga de curandeiros
Natural de Lugo, Marisa Castro, investigadora, bióloga e micóloga, ven dunha longa saga de curandeiros: así, o seu pai, menciñeiro e compoñedor, foi a quinta xeración dedicada á aplicación dos remedios naturais na parroquia luguesa de Santiago de Sáa, aínda que el traballaba no Barrio da Ponte, onde casara. O seu afán por coñecer e investigar os seus orixes levouna a construír esta biografía ficticia na que verte o seu saber sobre este aspecto da etnografía galega.
Sobre a autora
Marisa Castro Cerceda (Lugo, 1955), pertencente a unha saga de curandeiros, ata os 25 anos foi labradora como os seus pais. Tivo a sorte de pasar pola universidade e deixou que esta pasase por ela. É micóloga, doutorada en Ciencias Biolóxicas, cun traballo relacionado cos cogomelos, e durante máis de 30 anos foi profesora na Universidade de Vigo, onde impartiu Botánica e dirixiu case unha decena de teses de doutoramento.
É socia fundadora da empresa MycoGalicia Plantae, con membros do seu equipo de investigación. A súa primeira profesión é a de docente, a segunda, sen dúbida, a de divulgadora científica. Marisa é ecoloxista, amante da natureza e defensora da liberdade feminina, especialmente na figura da muller rural galega. É autora de algo máis dunha centena de traballos de investigación e de máis de 25 libros de divulgación científica relacionados con cogomelos, con plantas e con árbores. Esta é a súa primeira novela.