A riqueza gastronómica da provincia de Lugo presente nun documental que emitirá TVE

Recoñecidos profesionais lucenses da cociña e produtores locais achegarán ao espectador emblemas da nosa terra e mar, desde a faba de Lourenzá, o queixo da Ulloa, pasando pola tenreira galega, o porco celta ou a merluza de Celeiro

A Deputación de Lugo emite este domingo, 18 de decembro ás 14:30 horas en La 2 de Televisión Española, o seu documental Gastronomía de origen: de la tierra al plato. Unha produción coa que a institución provincial leva á pequena pantalla a calidade dos produtos lucenses e as súas bondades en alta cociña.

Recoñecidos profesionais lucenses da cociña e produtores locais protagonizan este audiovisual que achegará ao espectador a gran variedade de sabores que ofrece a provincia, así como a posta en valor da produción tradicional e sostible. No documental aparecen, por exemplo, emblemas da terra e do mar con Indicación Xeográfica Protexida e Denominación de Orixe, como a faba de Lourenzá, o queixo da Ulloa, a tenreira galega, o porco celta ou a merluza de Celeiro.

Cunha duración de 52 minutos, Gastronomía de origen: de la tierra al plato é unha proposta culinaria que percorre a xeografía luguesa para espertar na audiencia novas sensacións e o amor á terra e ao traballo ben feito, a través de entrevistas e a elaboración de pratos que fusionan a esencia da tradición coas técnicas máis vangardistas.

Os cociñeiros, membros da Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo, que participan na cinta son: Santi Almuíña, do restaurante Colón; Nardo Eiroa, de Canedo Brasería; Bruno Pena, de Oca Playa Foz; Alejandro Méndez, dos Cachivaches; Antonio Lorenzo, da Faragulla Chantada; e Diego López, de Bulló Xantar. En canto aos produtores, aparece Adrián Sixto Trigo, de Embutidos Hermelino; Roberto Hernández, de Gallaecia Delicatessen; José Cuadrado, de Terras da Mariña; Antonio Ferreiro, de Artelac, e Miguel Neira, dos armadores de Burela.

A produción, dirixida polo lucense Jaime Pardo Valdés, pasará a formar parte nos vindeiros tres anos da grella da cadea pública para vindeiras difusións, en diferentes días da semana e horarios, incluíndo as franxas de prime time. Tamén estará dispoñible á carta na plataforma da compañía de Radio Televisión Española.

Proxección da provincia

Gastronomía de origen: de la tierra al plato é a segunda das producións temáticas que a Deputación difundirá na cadea pública para proxectar a nivel nacional os recursos turísticos da provincia, dentro da aposta da institución por un modelo de turismo sostible, de calidade e de experiencias, con capacidade para atraer visitantes durante todo o ano e que deixa valor no territorio en termos económicos e de emprego.

O pasado 3 de decembro emitiuse o documental 820 Km. Las siete vías de peregrinación por la provincia de Lugo, de promoción dos Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia e nas vindeiras semanas proxectarase o de Rutas científicas pola provincia de Lugo, que percorre a Serra do Xistral, o Xeoparque Montañas do Courel ou as xeorrutas pola costa Cantábrica.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.