Borja San Ramón carga contra a “inanición orzamentaria do galego” por parte da Xunta

O novo Coordinador Nacional de Podemos Galicia, Borja San Ramón, realizou duras críticas ao goberno autonómico galego polo seu “abandono da lingua”. O último informe publicado polo Instituto Nacional de Estatística certifica a perda de falantes que sofre o galego, e coloca por primeira vez o castelán coma o idioma máis falado da comunidade
San Ramón considera “dramática” a situación, e responsabiliza a Xunta de Galicia pola súa “absoluta desatención”. “O PP de Rueda e Feijóo é responsable de década e media de inanición orzamentaria do galego”, declarou o dirixente morado, destacando que “as partidas de normalización lingüística reducíronse nun 92%”. Tamén sinalou que as contas aprobadas polo Partido Popular de Galicia para 2023 “nin recoñecen o problema nin aportan solucións”.
Dende Podemos Galicia cualifican a situación de “grave incumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias”. As solucións que aportan pasarían por recuperar o espazo do galego na educación, tras ser reducido polo Decreto de Plurilingüismo. “Unicamente o 16% dos menores de vinte anos falan galego coma primeira lingua, e sen mocidade non hai futuro”.
Dende o partido morado tamén apostan por recuperar o financiamento das políticas de normalización lingüística e polo uso da TVG como ferramenta efectiva de dinamización cultural. “O Goberno da Xunta debe cumprir coas súas obrigas legais de garantir os dereitos lingüísticos dos galegofalantes”.
Borja San Ramón tamén criticou a Rueda polo que considera un intento de ocultar a situación. “O Instituto Galego de Estatística leva dende 2018 sen publicar informes sobre o uso do galego, tivemos que enterarnos por un organismo estatal. A falta de transparencia da Xunta demostra que son conscientes do fracaso do seu modelo”.