Javier Arias. «Preto de 2.000 nenos e nenas da provincia de Lugo menores de 5 anos recibiron xa as dúas doses da vacina da gripe»

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, aportou os datos rexistrados ata o pasado venres durante a visita ao punto de vacinación no Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula), onde se está a completar o proceso de administración de vacinas. Neste sentido, sinalou que a cifra dos que contan polo menos cunha dose na provincia ascende a 3.873 nenos e nenas. Deste xeito, a taxa de cobertura acumulada desde o inicio da campaña é do 49,8%.

A Consellería de Sanidade incluíu este ano no calendario de vacinación infantil a opción da vacina antigripal tetravalente para os menores de entre 6 e 59 meses, para «achegar tranquilidade ás familias ante a preocupación polo aumento das enfermidades respiratorias entre os nenos e nenas», segundo indicou Arias.

Trátase dunha medida pioneira entre as comunidades autónomas coa que se pretende evitar a transmisión desta doenza entre a poboación, xa que está demostrado que os menores constitúen o principal motor de transmisión da gripe.

O delegado afirmou que Galicia conta co calendario de vacinación infantil máis potente de toda España, ademais de ser a comunidade autónoma con maior porcentaxe de poboación vacinada contra a Covid.  «A Xunta segue a reforzar a sanidade pública, neste caso ampliando o calendario de vacinación infantil, que conta xa coa vacina do papiloma para nenos, a do meningococo B e a antigripal tetravalente, totalmente gratuítas para as familias», asegurou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.