Maite Ferreiro anima á veciñanza de Lugo a participar na votación da Palabra do Ano 2022

Autoestima, candorca, comadre, ecocidio, inflación e resiliencia son as seis palabras finalistas, que se someten ao voto popular ata o 25 de decembro
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que as áreas de Cultura e Infraestruturas continuarán coa colocación das palabras do ano no 2023. Ferreiro afirmou que «contnuamos esta intervención artística que puxo en valor un símbolo tan importante como a lingua galega, e convertiu a rúa Mallorca nun atractivo turístico máis de Lugo».
A edil de Cultura animou á veciñanza de Lugo a votar pola palabra do ano 2022, cuxas finalistas son autoestima, candorca, comadre, ecocidio, inflación e resiliencia. A votación pode realizarse a través da web portaldaspalabras.gal.
«Desde as áreas de Cultura e Infraestruturas continuamos a facer das rúas da cidade lugares amables para pasear nos que ao mesmo tempo se pode descubrir a nosa cultura», explicou a edil de Cultura.
«Seguiremos colocando, cada ano, a palabra que a Real Academia designe como palabra galega máis utilizada» dixo Maite Ferreiro, que engaidiu «o futuro da nosa lingua está vivo e as palabras de cada ano pasan a formar parte do idioma xa que sintetizan parte da realidade de cada época».
Para a colocación das palabras, a Tenencia de Alcaldía utiliza un material duradeiro e que permitirá unha boa e sinxela visibilidade do texto. Vai acompañando a cada verba o ano no que foi nomeada pola Real Academia, no Portal das Palabras, como palabra do ano.
Palabra do Ano
A escolla da palabra do ano comezou no ano 2014, a través do Portal das Palabras posto en marcha pola Real Academia Galega e a fundación Barrié. A iniciativa pretende que a veciñanza galega escolla cada decembro unha palabra en galego que defina o ano que remata, difundindo o léxico galego.
As palabras do ano escollidas até o de agora foron corrupción, refuxiados, irmandade, afouteza, deseucaliptización, sentidiño, nós e Tanxugueiras.