Manifesto do Partido Galeguista (PG) e as entidades da Emigración en favor do recoñecemento de Castelao como «Primeiro Presidente de Galicia»

A diáspora galega deu, dende sempre, inmensas mostras de compromiso constante pola mellora integral da vida da nosa xente e o desenvolvemento progresivo, próspero e democrático da Nosa Terra. A forza emocional, económica e intelectual da nosa xente radicada nas cidades de Bos Aires e Montevideo converteron á cidade de Bos Aires na capital da Galicia ideal alén do mar. Nas cidades do Plata xurdiron entidades asociativas e iniciativas que deron respostas puntuais á realidade do noso país e da nosa xente nos eidos do mutualismo, agrarismo, sanidade, ensino, cultura, política, xornalismo, artes, música…

Centos de entidades parroquiais, comarcais e provinciais agromaron polas metrópoles rioplatenses deixando pegadas inmorrentes na propia cultura arxentina e uruguaia de onte e de hoxe: os Centros Galegos, a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, o Centro Galicia de Buenos Aires, ABC de Corcubión, o Centro Betanzos, o Patronato da Cultura Galega de Montevideo, a Fundación Xeito Novo, o Centro Lalín, Agolada e Silleda son unha manifestación viva e actual dunha historia da Galicia de alén mar, máis que centenaria.

A cultura en lingua galega foi sostida pola nosa diáspora durante os longos e tráxicos tempos da escura noite de pedra. Centos de libros, exposicións, manifestos, actos e congresos, son unha mostra firme e rexa do compromiso que configurou a propia cultura galega actual: a colaboración económica coa Real Academia Galega, a edición do Sempre en Galiza, a constitución do Consello de Galicia; a organización do Primeiro Congreso da Emigración Galega; a realización dos Xogos Florais do Idioma Galego; a creación do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol, son unha mostra da visión e misión da nosa xente, no Río da Plata.

Na Santa Compaña de inmortais galegos consagrada por Castelao no seu Alba de Groria, estarían presentes os nosos emigrados e exiliados principiando polo propio Castelao na compaña de Luis Seoane, Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos, Rodolfo Prada, Lois Tobío, Ramón Valenzuela, Mariví Villaverde, Alfredo Somoza, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Jesús Canabal Fuentes, Elpidio Villaverde, Eduardo Blanco Amor, Manuel Puente, Perfecto López, Fernando Luis Iglesias “Tacholas”, Xosé Neira Vilas, Manuel Meilán Martínez e Maruxa Boga, entre tantos outros construtores da nacionalidade galega.

POR TODO ISTO:

As entidades representativas da emigración nas cidades de Bos Aires e Montevideo que acolleron con agarimo e fondo sentimento patrio a Alfonso Castelao e a súa dona Virxinia Pereira dende a súa chegada á República Arxentina no mes de Xullo de 1940, ata o pasamento do galego máis universal da Nosa Terra na habitación 202 do Centro Galego de Bos Aires, xunto ao Partido Galeguista de Alfonso Castelao, Alexandre Bóveda, Camilo Díaz Baliño, Anxel Casal, Joan Carballeira, Luis Seoane, Francisco Garcia Moldes, Vicente M. Risco, R. Otero Pedrayo, Rodolfo Prada, Valentín Paz Andrade, María Miramontes, Rodolfo Prada, Jesús Canabal Fuentes, Manuel Meilán Martínez, Xaquín Lourenzo Fdez. “Xocas”, Xacobe Barral, Ramón Martínez López, Olimpia Valencia, Mercedes Docampo, Elvira Bao, Pura Rodríguez López, e tantas outras personalidades.

PROMOVEMOS CONXUNTAMENTE:

O recoñecemento institucional de Daniel Alfonso Manuel Rodríguez Castelao como o PRIMEIRO PRESIDENTE DE GALICIA por parte das máximas entidades representativas no noso pobo: Parlamento e Xunta de Galicia, entidades encargadas de dispensar as honrras e protocolos propios a este recoñecemento, como, así tamén, inciativas que divulguen o seu ideario no conxunto da sociedade galega.

Para respaldar a nosa proposta sinalamos, a continuación, aspectos fundamentais da constitución do Consello de Galicia, creado na cidade de Montevideo o 15 de novembro de 1944 e constituído, formalmente, o 8 de decembro na cidade de Bos Aires, coa participación dos deputados galegos Alfonso Castelao, Elpidio Villaverde e Antón Alonso Ríos. As institucións vascas e catalás estiveron representadas por Manuel Serra i Moret, vicepresidente do Parlamento catalán; Ramón María Aldasoro e José María Lasarte polas entidades vascas.

CONSTITUCIÓN DO CONSELLO DE GALIZA

Alfonso Rodríguez Castelao, Elpidio Villaverde Rey, Ramón Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos son os únicos deputados galegos que viven refuxiados en Sudamérica e, por espontánea decisión de todos eles, acordaron xuntarse nun só corpo de dirección política para cumprir, manter e defender a última vontade de Galicia, mentres dure esta etapa de asoballamento en que o pobo se ve privado de toda expresión democrática. (…)

En virtude das declaracións anteditas, acordouse constituír unha entidade denominada Consello de Galiza, para cumprir, manter e defender a vontade do pobo galego, así como para buscar as asistencias e axudas que se precisen. O Consello comeza a funcionar como un fideicomisariato, baixo a responsabilidade dos catro deputados que subscriben este documento, asistidos por un extenso núcleo de emigrados galegos, neste lugar de América que ben pode considerarse como a metrópole ideal dunha Galicia libre. (…)

O Consello conta ao nacer con varias delegacións en América e con órganos técnicos e auxiliares que aseguran a súa eficacia. E como primeira medida acordou, por unanimidade dos conselleiros e unánime consenso dos grupos organizados, conferir a presidencia do Consello de Galiza a Alfonso Rodríguez Castelao, quen queda autorizado dende este intre para levar as negociacións de alianza cos presidentes de Euskadi e Catalunya, (José Antonio Aguirre e Josep Irla i Bosch. repectivamente) co fin de que Galicia entre, con propia personalidade e tripla forza, nunha concordia xeral española, capaz de derrubar o réxime franquista e restabelecer a liberdade en España. (…)

(…) O fin e obxecto do Consello de Galiza implica un respecto absoluto para calquera ideoloxía do tipo democrático; pero, tendo en conta que o pobo escolleu persoas e non partidos, xusto será que nos conselleiros prime a condición de galegos sobre a disciplina dos partidos non galegos aos que poidan estar afiliados, porque de non ser así negaríase a vontade de goberno propio, hipotecando as súas decisións a directrices estrañas. Así, os conselleiros de Galicia serán simples mandatarios do pobo que os escolleu e non dos partidos.

Asinase esta acta en Montevideo, o quince de novembro de mil novecentos corenta e catro: Alfonso Rodríguez Castelao, Elpidio Villaverde Rey, Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos.

A figura e o ideario humanista, democrático e aglutinador de Alfonso Castelao segue vivo na diáspora. É un legado exemplar baixo o cal todas as galegas e galegos podemos matinar un presente e futuro sempre venturoso para a Nosa Terra.

 

Un comentario

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.