O luns 19 de decembro están programadas dúas proxeccións ás 16:15h e ás 20:30h no auditorio municipal de Mondariz, unha delas especialmente dirixida á mocidade que estuda no CPI de Mondariz
Mondariz é un dos seis concellos da provincia, e o único da comarca de Condado-Paradanta, que proxectará este mes o documental «20 anos de dignidade» sobre o afundimento do Prestige nas costas galegas hai dúas décadas. «O solicitamos nada máis coñecer a convocatoria da Deputación de Pontevedra para proxectar en concellos da provincia este documental, e fomos un dos seis concellos seleccionados», comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz. A proxección está programada para este luns, 19 de decembro, en dous horarios: 16:15 e 20:30 horas. O primeiro pase está especialmente dirixido ás novas xeracións que non viviron a catástrofe medioambiental, pois un dos obxectivos desta actividade é precisamente facer memoria.
O documental está dirixido por José Manuel Aragunde Pereira e ten unha duración de 45 minutos. A peza audiovisual transmite un relato do acontecido no momento do afundimento, amosando imaxes do estado da costa galega, das praias, da flora e da fauna afectadas polo chapapote derramado. Conta con entrevistas a un amplo sector da sociedade que viviu a situación en primeira persoa, desde xente do mar que saíu a frear a marea negra ao voluntariado, pasando polas persoas que se encargaron da xestión. A proxección lembrará os feitos que están e se manterán na memoria das persoas que viviron o suceso no seu momento: que o accidente trouxo consigo un gran desastre económico coa prohibición de pescar e mariscar desde o 16 de novembro de 2002 e durante varios meses, feito que ocasionou grandes perdas económicas a todas as persoas vinculadas, tanto directa como indirectamente, co sector do mar.
Mondariz é o único concello da comarca de Condado-Paradanta que proxectará este documental de referencia sobre os 20 anos da catástrofe do Prestige. Dentro do mesmo programa da Deputación de Pontevedra, tamén será proxectado nos concellos de Gondomar, Meis, Vilagarcía de Arousa, Poio e Moaña. «Con esta actividade demostramos unha vez máis que estamos comprometidos coa memoria histórica e o país a través da nosa programación cultural», sinala o alcalde Mondariz.