O Museo Provincial de Lugo reivindícase como referente cultural e patrimonial coa presentación do primeiro estudo sobre a súa orixe e consolidación, de Aurelia Balseiro

O Salón e Actos do Pazo de San Marcos encheuse para a presentación do libro acolleu do “Museo Provincial de Lugo: Orixe e consolidación (1932-1982)”, de Aurelia Balseiro García. Unha obra que pretende recuperar a memoria da institución e que ven cubrir un oco na historiografía local posto que, agás artigos concretos en publicacións colectivas, non se tiñan realizado investigacións tan prolíficas sobre a historia da institución, un centro de referencia no estudo, difusión e conservación
Na súa intervención, a vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro felicitou a autora “polo esforzo e dedicación temporal posto neste traballo de investigación que dá a coñecer os feitos, accións e persoas que marcaron o primeiro medio século de historia da institución, contribuíndo á memoria e ao coñecemento do propio Museo, mais tamén da cidade, da provincia e da percepción social do patrimonio”.
Maite Ferreiro lembrou tamén que “a publicación sae á luz no noventa aniversario do Museo Provincial de Lugo, creado formalmente no 1932, e que tivo o Pazo de San Marcos como primeira ubicación.
O estudo céntrase nos cincuenta primeiros anos de andaina, entre 1932 e 1982. A autora realiza un estudio historiográfico e unha revisión crítica da documentación referida ao museo integrando un cadro temático de grande interese no que se tratan, entre outras cuestións: as circunstancias da inauguración en 1934, as sedes ou inmobles do museo cos seus respectivos arquitectos, a transformación do espazo urbano ao seu redor, a Xunta reitora e o regulamento inicial, os mecenados e benfeitores do museo e os seus directores, as coleccións incorporadas ao longo do tempo, a museografía, a investigación dos seus fondos e as publicacións, rematando cunha evolución histórica da andaina realizada entre 1932 e 1982.
Ademais da autora, que afondou no contido da publicación, o acto contou coas intervencións do museólogo e historiador, Felipe Arias, quen foi Director-Conservador do Museo de Lugo de 1976 a 1984 e que escribiu o prólogo do libro, de Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial, e Xoan Ramiro Cuba, responsable do Servizo de Publicacións, que editou a obra. No público, destacou a presenza de persoal do Museo Provincial de Lugo e dos outros tres centros da Rede Museística Provincial, que quixeron acompañar a autora durante o acto, con acompañamento musical da violonchelista Cristina Nogueira.