Piden aos peóns da provincia de Lugo “tomar todas as medidas de autoprotección para evitar atropelos en estradas e vías urbanas”

No que vai de 2022 rexistráronse 2 atropelos con vítimas mortais na provincia. Este ano houbo 11 accidentes por atropelo nas estradas e travesías lucenses, un 42,2% menos con respecto ao ano anterior. A esa cifra hai que sumar outros 46 atropelos en vía urbana, 32 menos que no 2021, un 27% menos en total

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, fixo hoxe un chamamento aos peóns para que tomen todas as medidas de autoprotección que son moi importantes durante os meses de inverno nos que a falta de luz e o mal tempo diminúen a visibilidade. Fixo esta advertencia durante a presentación en Viveiro dunha nova campaña da Dirección Xeral de Tráfico de reparto de chalecos reflectantes por toda a provincia para axudar aos peóns a aumentar a súa visibilidade.

A subdelegada acompañou aos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil que comezaron en Viveiro o reparto dos 500 chalecos reflectantes de alta visibilidade que durará entre este mes e o de xaneiro. No acto tamén participaron a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; o xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez; e o xefe do Subsector de Tráfico de Lugo, José Miguel Martínez.

Isabel Rodríguez explicou que con esta campaña preténdese sensibilizar a todos os usuarios, tanto peóns como condutores, sobre a importancia de ver e ser vistos, así como de cumprir as normas de circulación, para que non haxa ningunha persoa ferida. No que vai de 2022 rexistráronse 11 accidentes por atropelo nas estradas e travesías lucenses, o que supón un 42,2% menos con respecto ao ano pasado no que se contabilizaron 19. A esa cifra hai que sumar outros 46 atropelos en vía urbana, 32 menos que no 2021, un 27% menos en total. “Vemos unha clara tendencia descendente nos últimos anos, pero entre todas e todos temos o reto de acadar que ningún peón máis volva a perder a vida nun sinistro vial na provincia e, desde logo, non retroceder por exceso de confianza”, subliñou a subdelegada.

Aínda que a maior parte dos atropelos con vítimas teñen lugar en vías urbanas (entre o 70 e o 76% durante os últimos anos), as consecuencias máis graves rexístranse na estrada convencional: por desgraza, cada ano seguen morrendo peóns nas estradas da provincia: 4 en 2019, 2 durante 2020, 2 en 2021 e 1 no no 2022. En zona urbana tamén rexistrouse un atropelo mortal no que vai de ano.

En relación ao número de persoas feridas, este ano en estrada houbo 2 hospitalizados e 8 de menor consideración. En vías urbanas os datos foron 12 e 45, respectivamente). Se en vías interurbanas o tipo de accidente máis habitual é o atropelo nun paso de peóns sinalizado, na estrada a casuística é máis variada. A solución pasa necesariamente polo compromiso de peóns e condutores para facerse visibles, manter a atención e cumprir as normas en todo momento.

A importancia de facerse ver

Facerse ver é vital, especialmente cando se circula en vías sen beirarrúas e en condicións de escasa luminosidade, non soamente de noite senón ao amencer, ao atardecer ou en calquera día de mal tempo, o que na nosa provincia equivale a gran parte do inverno.

Segundo os datos da DXT, de noite ou con mal tempo, a distancia á que o condutor detecta a presenza dun peón pode ser de soamente de 20 metros se o peón viste roupa escura e a vía non dispón de iluminación artificial. Esa distancia sobe a uns 40 metros se leva roupa de cores claras, pero poñer o chaleco reflector increméntaa a máis 150 metros.

Se temos en conta que un vehículo que circula a 60 km/ h percorre case 17 metros por segundo, que son 22 a 80 km/ h e 25 a 90 km/ h -límite de velocidade xenérico en vías interurbanas- e que a distancia de detección con firme seco é duns 35 metros a 60 km/ h e de 65 ou 70 metros a 90 km/ h, cifras que se duplican  folgadamente se o firme está húmido ou esvaradío, compréndese a importancia de que os peóns resulten visibles canto antes para o resto de usuarios da vía. Máis aínda se temos en conta que un peón atropelado a 60 km/ h ten aproximadamente un 80% de probabilidades de falecer.

Recomendable sempre para circular por estrada

O uso deste elemento de seguridade, en calquera caso de custo moi reducido, é obrigatorio para os peóns que circulen pola beiravía ou, de ser imprescindible, pola calzada, entre a posta e a saída do sol ou en condicións de visibilidade reducida, aínda que é moi recomendable o seu uso sempre que se teña que circular por estrada, a calquera hora do día.

Con todo, o chaleco por si só non basta para evitar o accidente se o peón camiña sen prestar atención aos vehículos que se achegan ou por unha banda da vía que non permite que estes lles poidan ver. En máis do 40% dos accidentes mortais e graves entre 2019 e 2022 na provincia os peóns atropelados cruzaron ou circulaban antirreglamentariamente pola vía. Con frecuencia, cerca de casa, por un exceso de confianza.

As estatísticas mostran, así mesmo, que nun número significativo dos sinistros influíu unha distracción por parte dos condutores de vehículos, así como, en máis do 20% dos accidentes mortais ou graves entre 2019 e 2022, o conducir baixo os efectos do alcol.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.