Rueda valora a cooperación entre Galicia e Castela e León como “clave para demandar infraestruturas competitivas para o noroeste”

Reivindica ao Goberno central que aposte por infraestruturas fundamentais como o Corredor Atlántico: “Reclamamos o que nos corresponde e o que é de xustiza”, advertiu

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou a cooperación entre Galicia e Castela e León como clave para demandar infraestruturas competitivas para o noroeste e un financiamento autonómico xusta. O titular do Goberno galego reeditou esta alianza coa Comunidade veciña nun encontro que mantivo hoxe co presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, tras percorrer xuntos un tramo do final da ruta xacobea.

Alfonso Rueda recordou que, aínda que o Camiño de Santiago remata en Galicia, as súas rutas son patrimonio de todos os españois e deixan beneficios económicos e sociais por todos os territorios polos que atravesan. Así, nun ano marcado por un récord histórico de turistas e de peregrinos, o presidente da Xunta avanzou que “imos pechar un ano espectacular”, e agradeceu ao seu homólogo leonés o impulso que desde a Comunidade veciña se fixo do Xacobeo, tendo en conta que son tres as rutas que atravesan por Castela e León: a Mozárabe-Vía da Prata, o Camiño de Inverno e o Camiño Francés. Rueda informou de que neste último ano, tres de cada cinco peregrinos camiñaron a Galicia por algún deses itinerarios. “O Xacobeo foi este ano un dos motores económicos de Galicia”, subliñou.

Pero Galicia e Castela e León non están unidas só polo Camiño ou por lazos culturais e históricos, senón tamén por asuntos transcendentais de calado para o futuro da veciñanza de ambas as dúas Comunidades, como pode ser o financiamento autonómico ou o futuro das infraestruturas.

Rueda e Mañueco recordaron que as comunidades máis envellecidas e coa poboación máis dispersa teñen que facer un maior investimento nos servizos básicos, de aí que recordaran a vixencia dos acordos adoptados o ano pasado na Declaración de Santiago, cando presidentes de diferentes cores políticas de oito CC.AA. sumaron sinerxías e demandaron un modelo de financiamento axustado ás súas necesidades. “Somos comunidades autónomas infrafinanciadas”, denunciou o mandatario galego, quen reclamou un reparto máis equitativo e que atenda ás particularidades de cada territorio.

Galicia gasta 1 de cada 5 euros destinados en España ao transporte escolar e ten o 10% dos centros de saúde co 6% da poboación, polo que, a maior dispersión, maior custo dos servizos. Rueda subliñou que a Xunta está a facer un gran esforzo para dar uns servizos de calidade en todo o territorio galego, pero insistiu en que o Estado ten que ter en conta un desafío que supera o ámbito autonómico.

Rueda tamén aproveito o seu encontro con Mañueco, como días antes fixo co presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, para reivindicar infraestruturas fundamentais para o futuro do noroeste peninsular. En concreto, o presidente da Xunta referiuse ao viaduto da A-6 no Castro -reclamando unha vez máis celeridade e transparencia na resolución do seu derrubamento-, e ao Corredor Atlántico, imprescindible para vertebrar o territorio español con criterios de equilibrio. Os dous mandatarios coincidiron en reclamar que se nomee un Comisionado para esta infraestrutura, tal e como estaba acordado, e que se estableza un Plan Director. Alfonso Rueda reiterou que nin Galicia nin Castela e León pedían nada que non lles correspondese, senón unicamente “o que é de xustiza”. E advertiu: “O Goberno non pode facer esforzos nun lado a costa de non facelos noutro”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.