A cea da discordia. Por Gonzalo Soto

@gonzalogsoto

As cidades de Lugo, A Coruña e Sevilla, un triángulo de afectos que se foi forxando ao longo da miña vida. Por elo, todo o que sucede en cada unha destas tres cidades, con maior ou menor transcendencia, non me resulta alleo. Hoxe toca falar da cidade das murallas e tamén chamada do Sacramento; as súas xentes tranquilas e afables, moi pouco dadas aos sobresaltos bruscos e a rebuldaina, aínda que as festas do San Froilán e o Lucus sexan unha excepción no almanaque do divertimento e da troula, achegándose xentes de todos os recunchos do país a compartir estes días de lecer.

Dentro desta orde de factores, calquera alteración conquire a natural notoriedade e desacougo nas súas xentes, feito que, excepcionalmente, vén sucedendo nos últimos tempos no eido sociopolítico ou parapolítico, con liortas entre asociacións, federacións e os propios partidos que beben ou tentan beber nos mesmos abrevadoiros. Primeiro foi o lío do autobús, no que a vítima propiciatoria foi un xove concelleiro que non entra na xanela para recibir a comuñón da man do todo poderoso patriarca da Milagrosa, ese home piadoso que coas súas mainas verbas, asesora, seduce e organiza ceas xaculatorias (pagadas aínda non se sabe por quen) para pedir os votos dos seus fieis como sacrificio e sufraxio polas dádivas recibidas do erario público.

Lara Méndez, Alcaldesa de Lugo

E, a poder ser, que os alí presentes se multipliquen como di a parábola dos pans e dos peixes. Neste caso, o milagre é máis modesto: vinte votos por cada un dos comensais, o que segundo as súas contas, o resultado sería dous concelleiros máis para Lara, a samaritana alí presente.

Treme rapaza que vas para a xustiza

Jesús Vázquez

 Agora, o señor presidente da federación di que vai presentar unha denuncia sumarísima contra o autor ou autora de haber gravado e difundido o que sucedeu naquela cea “privada”, con máis de cen persoas, entre elas unha tal Lara Méndez, a que tamén se acolle ao estatuto que protexe a súa privacidade, aínda que naquela cea se pedira o voto para ela, cando aínda non se abriu a campaña legalmente, un detalle que carece de relevancia punible, pois como se tén dito, era un acto “privado”.

Este escribidor agarda con moito interese que este asunto chegue á xustiza, pois o xuíz ou xuiza que por turno lle corresponda, dirá: mala hora! Outra macrocausa, pois terá que chamar a declarar aos cento e pico que estiveron na paparota. E á vista do que alí sucedeu, o Ministerio Fiscal pode verse na obriga de ampliar a denuncia por delito electoral, pois se se proba que se fixo campaña en tempo e forma non habilitado para elo, debe facelo. Así é como o ve este leigo as cousas da xustiza.

Mais para o autor desta crónica, á marxe do que pasou naquela cea, o verdadeiramente importante é o describir os perfís e o papel que con tanta eficacia veñen desempeñando historicamente os dous persoeiros máis sobranceiros do movemento veciñal de Lugo, provincia e de Galiza, Jesús Vázquez e Fernando Rois (o señor da Milagrosa das verbas mainas e o cazador de Albeiros), dúas figuras que se complementan, superando todas as súas diverxencias e simuladas regueifas, coma aqueles matrimonios de antes, ata que a morte nos separe. Todo un exemplo!

Fernando Rois

Teño que dicirlle amable lector/a que non coñezo persoalmente ao señor Vázquez ni ao señor Rois, feito polo que todo o que aquí se di é froito das pescudas das fontes e probas contrastadas  das que dispón todo xornalista debidamente informado.

Elena Candia, candidata Alcaldía de Lugo

Despois de facer as correspondentes pescudas sobre a ideoloxía  e militancia política dos dous mentados dirixentes veciñais (o da Milagrosa e o de Albeiros), elo seguindo a aliñación descrita por unha xornalista local de aguzado pico; o primeiro situado nas coordenadas da alcaldesa e o segundo nas da candidata da dereita, señora Candia. Unha posición intelixente e de división de riscos, pois se non gaña unha, o máis seguro é que gañe a outra, e así está a coima asegurada.

Mais tamén e segundo a opinión xeneralizada sobre a ideoloxía dos dous contendentes, inclínase que ningún deles tén unha marcada ideoloxía, senón que os seus respectivos posicionamentos responden a un guión perfectamente deseñado para o éxito e garantía do seu interese común. Se cadra e estirando un pouco a corda, no caso do señor Vázquez, podemos atopar algunha reminiscencia nun dos antergos lucenses máis ilustres, don Pepe Benito Pardo, figura sempre interposta entre os veciños e as administracións que ostentaban o poder; un persoeiro  que deixou  fondas pegadas para a posteridade e, incluso para escritores  que deixaron constancia da súa magna obra tutelar.

De todos os xeitos, o máis salientable das iniciativas do entramado artellado por estas dúas figuras, foi a instauración da Festa do Veciño (cecais a terceira efeméride despois das dúas citadas ao encabezamento), pois alí se concentran miles de almas, disparando con pólvora de rei, coma a romeiros ateigados de moita fe, que se xuntan en santa misión para a imposición da “V” de veciño. Unha distinción que premia o labor, o cargo e a utilidade, propia ou allea, do agraciado ou agraciada. Esta distinción non sempre cae nun veciño de Lugo ou da provincia, pois se aos seu intereses convén, colócanlle a chapa aínda que sexa ao presidente da Deputación de A Coruña, que veciño de Lugo, se non me fallan os miolos, coido que non é. Mais xusto é recoñecer o dinamismo e o adiantados  que van neste tipo de asuntos os da federación, incluso máis cá Universidade Autónoma de Madrid, concedéndolle o título de alumna ilustre á IDA.

A quen aínda non lle colocaron a chapa foi a Rubén Arroxo, ese concelleiro que din os lucenses que é un traballador nato. Non sei se iso de ser traballador se vai traducir en votos para maio (…), pois moitas veces, o traballador non é o máis prezado.

E o único recoñecemento que se lle tén feito a este concelleiro currante, foron as ameazas de morte, proferidas por un coñecido patriota da dereita e da festa do cuxo ao espeto.

Se con todo o que deixo dito, e o das verbas mainas non me leva a xustiza, noutras achegas falaremos da biografía do indiscutible e imprescindible líder veciñal, pois como diría don Miguel de Unamuno, «siga joven que aún queda mucha cuerda que tirar».

Fotos: Concello, COGAVE, PP

2 comentarios

  • Julio Asorey

    Don Miguel de Unamuno terminó desterrado en Fuerteventura !.
    Corren otros tiempos y contra D.Miguel estaba todo el «aparato estatal»!. Su excelente artículo no debería de molestar a nadie por que se ciñe a lo que conoce con exactitud.

    Estos meses en los que se ven de cerca las elecciones Municipales suelen inquietar mucho a los «Alcaldables» y afines que
    está pendientes de ocupar plaza 4 años más de ahí que se manifesten en público como gente capaz y muy «bondadosa»
    , lo de «capaz» no lo sabemos .De le que no hay duda, es que «bondadosos» (si les llegase a afectar algun escrito) ,presiento que será al revés y si tienen oportunidad , «vapulearán» al mensajero.

  • MFF

    Eses dous señores son uns elementos de coidado, para min o peor do peor. Non sei porque o goberno se deixa embaucar por eles. Distanciado iríalle mellor.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.