A descarbonización da produción eléctrica galega recuou en 2022

A produción eléctrica renovábel baixou o 19% mentres a fósil creceu o 26%. A potencia eléctrica renovábel instalada tan só medrou o 1%. As emisións de gases de invernadoiro asociadas á produción eléctrica galega volveron aumentar en 2022 despois de catro anos seguidos de descensos

A transición eléctrica retrocedeu en Galicia durante 2022. Segundo os datos provisionais divulgados por Rede Eléctrica de España (REE), a produción eléctrica renovábel baixou o 19% con respecto a 2021, mentres a fósil medrou o 26%. Como consecuencia, o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) estima que se incrementaron notabelmente as emisións de gases causantes de cambio climático asociadas á produción de electricidade en Galicia, atinxindo uns 3,5 millóns de toneladas.

A seca e o estancamento da potencia eléctrica renovábel explican o importante descenso da xeración renovábel en 2022. Esta só representou o 64% da total, afastándose do obxectivo do 100% que cumpriría acadar en 2030 para lograrmos reducións ambiciosas das emisións de gases de invernadoiro durante esta década.

Produción eléctrica galega

2021

2022

Fontes

MWh

% total

MWh

% total

Hidráulica

7.691.730

31,8

4.136.900

18,5

Eólica

9.560.091

39,5

9.719.900

43,4

Solar fotovoltaica

22.329

0,1

22.100

0,1

Biomasa e biogás

539.657

2,2

482.300

2,2

Xeración renovábel

17.813.807

73,6

14.361.200

64,1

Turbinación bombeo

29.633

0,1

117.100

0,5

Ciclos combinados (gas fósil)

3.694.929

15,3

5.062.100

22,6

Carbón

458.939

1,9

859.300

3,8

Coxeración (gas fósil, gasóleo, fuel)

1.883.261

7,8

1.689.100

7,5

Residuos

331.711

1,4

326.800

1,5

Xeración non renovábel

6.398.472

26,4

8.054.400

35,9

Total

24.212.279

100

22.415.600

100

Fontes: Red Data (https://www.ree.es/es) e app redOS de REE. Notas Todos os residuos inclúense na produción non renovábel, a diferenza do criterio usado por REE.

A diminución na xeración renovábel debeuse principalmente á baixada do 46% na contribución dos encoros. A produción mensual hidráulica foi moi inferior á media dos cinco anos anteriores, agás en novembro e decembro, en que foi similar. Ademais hai que ter en conta que a potencia renovábel tan só creceu o 0,8%, cando menos até setembro.

Como acontece nos anos secos, os parques eólicos amorteceron a caída da produción renovábel. A xeración eólica non só se mantivo senón que medrou, máis só un 2%, en liña co cativo aumento da potencia instalada. A biomasa, unha renovábel contaminante e con pouco peso, baixou a súa produción un 11%. Canto á solar, a súa achega á rede eléctrica segue a ser moi residual, supondo o 0,1% da produción total.

O descenso das renovábeis foi compensado parcialmente polo carbón e, sobre todo, polo gas fósil. A suma da produción das centrais de ciclo combinado a gas fósil das Pontes e Sabón igualou o seu máximo histórico (2008), converténdose na segunda fonte en 2022, ficando só atrás da eólica. A central de carbón das Pontes, cuxa autorización de peche diferiu parcialmente o Ministerio de Transición Ecolóxica, case duplicou a súa produción en relación a 2021, aínda que só representou un 4% da total.   

A repunta na queima de enerxía fósil provocou un incremento considerábel das emisións de gases de invernadoiro da produción eléctrica, interrompendo a traxectoria de descenso iniciada en 2018. Segundo unha primeira estimación do OGACLI aproximaríanse ás 3,5 millóns de toneladas, o que suporía un aumento de arredor do 30% con respecto a 2021.

Trátase dun importante paso atrás na descarbonización da xeración de electricidade  que, malia ter diminuído moito as súas emisións no que levamos de século por causa do desenvolvemento renovábel e da caída no uso do carbón, segue a ser unha das maiores fontes de gases causantes de cambio climático no noso país (16% en 2020). Ademais, a desfosilización total da xeración eléctrica é estratéxica para a descarbonización do conxunto da economía, mediante o aumento da súa electrificación.

As emisións de gases causantes de cambio climático da nosa produción eléctrica terían aumentado ben máis de non ser polo forte descenso tanto da demanda interna galega como das exportacións de electricidade ao resto da Península Ibérica.

Cos datos dispoñíbeis polo de agora, que abranguen os nove primeiros meses do ano, constátase unha diminución da demanda en 2022 do 20% con respecto ao mesmo período de 2021. Semella causada sobre todo pola diminución do consumo industrial e, particularmente, pola paralización até 2024 da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao. No que atinxe ao saldo exportador de electricidade, baixou un 18%, considerando tamén os nove primeiros meses. Todo isto contribuíu a que no conxunto do ano se reducise a produción eléctrica nun 7% en relación a 2021.

A produción renovábel só superou a demanda interna, e escasamente, nos meses de xaneiro e marzo  e, previsibelmente, tamén nos últimos tres meses do ano, neste caso con folgura. De non ser pola produción de electricidade fósil, Galicia tería sido deficitaria en enerxía eléctrica durante a maioría dos meses do pasado ano.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.