A investigadora Marisa Castro presenta en Bueu a súa primeira novela, na que se achega ao universo das curandeiras

Trátase da primeira incursión na ficción desta recoñecida bióloga galega, que pertence a unha longa saga de homes dedicados á aplicación dos remedios populares

Marisa Castro presenta este sábado ás 19h, no Centro Social do Mar de Bueu, a súa primeira novela, “A saga das curandeiras”, nun acto organizado pola libraría Miranda. A autora estará acompañada pola editora, Laura Rodríguez Herrera. Publicada en galego e castelán por Hércules de Ediciones, a novela, ópera prima desta recoñecida bióloga galega, preséntanos a Rosalía Carcedo, unha curandeira a través de cuxa vida nos convida a facer unha viaxe durante a primeira metade do do século XX, desde a súa Galicia natal, pasando polo Madrid da República e da Guerra Civil, ata a aldea de orixe á que volveu durante a ditadura. Alí, Rosalía, personaxe ficticio baseado na sabedoría dos antepasados da autora e dalgunhas curandeiras ás que visitou, continúa aplicando o seu coñecemento dos remedios naturais, a pesar da incomprensión e a incredulidade dos que a rodeaban.

A trama permite coñecer a relación das curandeiras coa poboación e coas autoridades civís e relixiosas. A autora recolle na novela receitas e casos particulares que coñeceu da man da súa familia e de varios anos de investigación «in situ» sobre o tema, e axuda a aproximarse ao uso das herbas e dos cogomelos, tanto con fins curativos como máxicos, nese mundo críptico das meigas galegas.

Natural de Lugo, Marisa Castro, investigadora, bióloga e micóloga, ven dunha longa saga de curandeiros: así, o seu pai, menciñeiro e compoñedor, foi a quinta xeración dedicada á aplicación dos remedios naturais na parroquia luguesa de Santiago de Sáa, aínda que el traballaba no Barrio da Ponte, onde casara. O seu afán por coñecer e investigar os seus orixes levouna a construír esta biografía ficticia na que verte o seu saber sobre este aspecto da etnografía galega.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.