A Plataforma Feminista de Lugo amosa a nosa máis profunda repulsa e indignación pola ínfima condea dos autores dos aberrantes abusos sexuais a unha nena en Baleira

O pasado martes a Audiencia Provincial de Lugo dictaba unha sentencia pola que condeaba a uns míseros 3 anos de cadea a dous irmáns e á muller dun deles, irmá da vítima, por uns reiterados abusos sexuais cometidos sobre unha nena desde os 7 aos 13 anos de idade. Sete anos de abusos sexuais que rematan cos agresores aceptando unha pena de tres anos, menos da metade do tempo que adicaron a arruinar a infancia desta crianza.

A situación de abusos foi descuberta a raíz do embarazo da nena por parte dun dos seus agresores, que a levou a dar en adopción ao seu fillo, con 13 anos de idade.

Sete anos de silencio na contorna dunha nena que viviu sendo agredida na súa propia casa. Unha nena que tivo que ir ao pediatra, ao colexio, pola rúa, sen que ninguén vira ou escoitara nada.

Os abusos sexuais adoitan producirse maioritariamente na familia e na contorna máis próxima das vítimas, onde é máis fácil o acceso a elas e existe unha relación desigual de dominancia.

Existen múltiples indicadores que poden facer soar as alarmas de que unha nena estea a ser sometida a abusos sexuais, escoitar e ver as alarmas é unha obriga dos axentes sociais que rodean á nena e cando se tapan os oídos e os ollos, están a silenciar o delito de forma cómplice cos delincuentes.

A Fiscalía inicialmente pedira 11 anos de prisión para cada un dos agresores, pero esta pena quedou rebaixada, tras recoñecer a propia Fiscalía o atenuante de dilacións indebidas ao atoparse esta causa paralizada ¡desde o ano 2016!

Esta condea ridícula foi froito dun acordo entre as partes coa propia Fiscalía, a que debe velar polos dereitos das vítimas, especialmente se estas son menores de idade.

Urxe dotar aos órganos xudiciais de maior persoal e de maior especialización, sensibilización e formación en asuntos coma estes, como a violencia de xénero, pois lamentablemente non é esta a primeira condea que nos horroriza por tan inxusta e precaria coa vítima de tales violencias.

Unha vez máis lamentamos o resultado que dicta un poder xudicial patriarcal e machista e tamén temos que lamentar o silencio cómplice das persoas que rodeaban á vítima.

¿Como pode ser que durante sete anos ninguén detectara estes abusos?

¿Como pode ser que desde o 2016 esta causa xudicial estivera paralizada?

¿Como pode ser que para sete anos de agresións, reciban tres anos de prisión?

A sociedade estoupa, as mulleres estoupamos e queremos tomar ás rúas porque ante estes preguntas, as respostas ofrecidas non nos valen. Estamos fartas de debates xurídicos, estamos fartas de que nos maltraten, nos violen, nos digan como e cando abortar e xa vai sendo hora de darlle a volta a este sistema patriarcal maltratante, e de poñer no seu sitio a cada quen. Esta violencia machista é insoportable e semella que só nos queda a autodefensa feminista para loitar contra ela.

Se tocan a unha, tócannos a todas.

Foto. Cadena SER

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *