A publicación sobre a orixe e consolidación do Museo Provincial de Lugo, de Aurelia Balseiro, preséntase o xoves no Museo do Pobo Galego

A directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro presentará o libro “Museo Provincial de Lugo: Orixe e consolidación (1932-1982)” no Museo do Pobo Galego, en Compostela, o xoves 12 de xaneiro (18:00 horas)
A publicación, editada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, documenta a orixe e a consolidación do museo no primeiro medio século de andaina, no que, entre outros fitos, se trasladou do Pazo de San Marcos, ubicación inicial, ao antigo convento de San Francisco na praza da Soidade e se ampliou a sede, medrando en fondos e dotacións, coa creación do Arquivo ou da Biblioteca, e programando máis e mellores exposicións temporais.
O acto contará coas intervencións da autora, da vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro, da presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego Mª Concepción Losada Vázquez, do director do Museo do Pobo Galego Manuel Vilar Álvarez e da presidenta do Consello Galego de Museos Esperanza Gigirey Liste,
Museo Provincial de Lugo: Orixe e consolidación (1932-1982), de Aurelia Balseiro
A publicación, editada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, trata sobre a súa orixe e consolidación na súa primeira andaina, entre 1932 e 1982. O estudo remata cronoloxicamente en 1982, cando cumple cincuenta anos de existencia, pero tamén analiza a xestación da idea do museo e os intentos de creación desde mediados do século XIX, recuperando os antecedentes que derivaron no acordo de creación do Museo Provincial de Lugo pola Deputación en 1932.
A autora realiza un estudio historiográfico e unha revisión crítica da documentación referida ao museo integrando un cadro temático de grande interese no que se tratan, entre outras cuestións: as circunstancias da inauguración en 1934, as sedes ou inmobles do museo cos seus respectivos arquitectos, a transformación do espazo urbano ao seu redor, a Xunta reitora e o regulamento inicial, os mecenados e benfeitores do museo e os seus directores, as coleccións incorporadas ao longo do tempo, a museografía, a investigación dos seus fondos e as publicacións, rematando cunha evolución histórica da andaina realizada entre 1932 e 1982. A investigación pretende pois, segundo se recolle no libro, “a recuperación da memoria para construír un relato coherente da historia institucional do Museo Provincial de Lugo”.