A Xunta optimizou o trazado da Rolda Leste de Lugo “na procura do menor impacto paisaxístico e ambiental”

O delegado territorial lembra que este vial está recollido no PXOM, como reserva viaria, e explica que o proxecto pasará en breve a aprobación provisional e posterior información pública, fase na que se poderán presentar alegacións
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, insistiu esta mañá en que a configuración do trazado da Rolda Leste optimizouse na procura do menor impacto ambiental e paisaxístico. Ademais lembrou que o trazado está recollido no PXOM como reserva viaria, ao tempo que explica que o proxecto está supervisándose para a súa aprobación provisional e sometelo a información pública, fase na que se solicitarán os informes preceptivos.
Arias Fouz fixo fincapé na redución significativa do posible impacto ambiental e visual dunha infraestrutura vital para a cidade de Lugo, na que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá un total de 19,6 millóns de euros, incluíndo o pagamento das expropiacións.
A vontade clara do goberno Galego, sinalou o delegado territorial, foi optimizar o proxecto para acadar o menor imparto ambiental mantendo a funcionalidade desta vía crucial para os lucenses, desde a súa finalización actual da LU-530 ata a N-VI.
Optimizouse, tanto o movemento de terras como as estruturas, mediante axustes na rasante e no trazado, na parte máis próxima á N-VI. Precisamente, na zona do Rego de Samai, o rebaixe da cota da rasante permitiu eliminar o viaduto contemplado inicialmente e substituílo por un marco de formigón, sen aumentar a ocupación prevista no seu momento no proxecto.
Tamén na zona do parque do Rato houbo cambios significativos, relativos á execución dun viaduto dobre de 120 metros e dun terraplén de elevada altura contido por un muro verde vexetal que alcanzaba os 16 metros de altura. Había marxe de optimización a nivel paisaxístico e ambiental, con variacións das distancias e das alturas, ocultando a vía en tramos de trincheira, o que supón un beneficio moi significativo á hora de mellorar a integración da nova vía na contorna, que deixará de ser visible desde o parque do Rato salvo no punto de cruzamento sobre a canle.
Á marxe destes cambios no trazado, eliminouse unha liña eléctrica que no anterior proxecto tiña un importante custo e que xa non é necesario retranquear e optimizouse en todo o posible a sección transversal, mantendo a configuración da vía.
En conclusión, explica Javier Arias, estudouse a fondo o proxecto para optimizalo e facelo cun menor impacto paisaxístico e ambiental, polo que a proposta entregada responde a estas premisas. Hai que lembrar que se trata dunha estrada de 2,8 km desde a glorieta da LU-530, continuando a fase xa executada e cunha sección de dous carrís por sentido.
Foto portada: Arquivo