Avia Veira: “Dous anos e medio despois de anunciarse a Ordenanza de Mobilidade, continúa sen superar a fase de redacción”

No Pleno realizado o 7 de xullo de 2020 –hai practicamente dous anos e medio- o concelleiro de Mobilidade e presidente da Mesa de Mobilidade, naquela altura Juan Manuel Díaz Villoslada, anunciou que o Goberno Local tiña a intención de impulsar unha Ordenanza da Mobilidade

En setembro dese mesmo ano, con motivo da Semana Europea da Mobilidade, iniciouse o período de consultas previas á redacción desa ordenanza, tempo que concluiría o 16 de novembro de 2020. O BNG fixo as súas achegas para se incorporaren á norma, centradas en cuestións relativas á accesibilidade, á regulación dos vehículos de mobilidade persoal (VMP), mobilidade ciclábel e peonil e aparcadoiros.

Mais o tempo foi pasando e non se tivo noticia da conclusión dos traballos de redacción da ordenanza, até chegarmos ao 26 de xaneiro de 2022 –hai xa logo un ano- cando o concelleiro de Urbanismo e Mobilidade anunciou que para 2022 os retos principais da súa área eran culminar as ordenanzas de mobilidade e de terrazas. As dúas continúan pendentes.

É por isto que a concelleira Avia Veira dirixe agora unha pregunta ao Goberno Local para saber se a Ordenanza de Mobilidade continúa en fase de redacción e por que non se concluíron os traballos en 2022, tal e como era a intención do concelleiro de Urbanismo e Mobilidade.

Veira inquire o Executivo coruñés cando ten pensado dar luz verde á ordenanza na Xunta de Goberno Local, trámite previo para ir a Pleno, procurar a aprobación inicial, someterse a exposición pública e voltar ao Pleno para a aprobación definitiva.

“En todo o ano pasado non soubemos nada sobre a ordenanza de mobilidade”, refire Avia Veira. “E mentres tanto asistimos mes a mes a Plenos en cuxas ordes do día os asuntos resolutivos do Goberno adoitan seren sobre cuestións mínimas, sen que se dea impulso a tarefas pendentes tan importantes como esta”, critica a concelleira nacionalista.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.