Avia Veira: “Pasou 2022 e A Coruña segue sen unha nova Ordenanza de Terrazas”

A concelleira do BNG Avia Veira dirixiu unha batería de preguntas por escrito ao Goberno Local para saber por que o Executivo coruñés incumpriu o seu compromiso de en 2022 elaborar unha nova Ordenanza de Terrazas

“Ese compromiso expresouno o concelleiro de Urbanismo e Mobilidade en xaneiro de 2022. Mais pasou 2022 e, como é evidente, a cidade non se dotou dunha nova Ordenanza de Terrazas”, lamenta Avia Veira.

E é máis, recentemente, novembro de 2022, a unha pregunta oral formulada pola propia Avia Veira, o Executivo coruñés respondeu cunha especie de paso atrás sobre as súas intencións iniciais ao manifestar o concelleiro de Urbanismo e Mobilidade que A Coruña xa dispuña dunha ordenanza e que a tarefa do Goberno Local era vixiar o seu cumprimento, sen avanzar ningún prazo sobre a elaboración dunha nova norma.

“Baixo o noso punto de vista, unha nova Ordenanza é unha necesidade. Así nolo transmiten moitas persoas que nos trasladan queixas a cotío”, di Veira. “Nas zonas recentementes peonalizadas todo o que se peonaliza se enche de terrazas e sen control nen couto ningún. E nas zonas que xa eran peonís a situación de descontrol é a mesma. Estamos a falar dun fenómeno que dificulta a accesibilidade nas rúas –obstaculizando mesmo as entradas e saídas dos portais- e que pon atrancos ao tránsito de vehículos de emerxencia e ambulancias”, refire a concelleira. “As queixas chégannos de moitos sitios”, engade.

A xuízo do BNG, ao mesmo tempo que se permite a actividade económica das terrazas o Concello ten que garantir o control sobre elas: “Hai que vixiar que teñan permisos, que as que o teñan se axusten aos permisos solicitados e desde logo asegurar que onde haxa terrazas a accesibilidade sexa total, de xeito que os itinerarios peonís sexan seguros e continuos e os peóns non se vexan obrigados a facer eslalons polas rúas da cidade”, conclúe Veira.

Inquire a concelleira o Goberno Local se a nova ordenanza está en fase de redacción e se, no caso afirmativo e tal e como prescribe a lexislación, se vai abrir un período de alegacións. De resto cuestiona o Executivo coruñés cando ten pensado levar a nova norma á Xunta de Goberno Local para iniciar o tramite cara á súa aprobación definitiva.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *