BNG rexeita no Congreso a mudanza que permite a implantación descontrolada de parques eólicos

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe ao Goberno do Estado a recuperación da declaración de impacto ambiental e a posibilidade de realizar alegacións no procedemento de autorización administrativa para o asentamento de novos parques eólicos, eliminados no RD-Lei 20/2022 e reclama a súa tramitación como Proxecto de Lei. Así mesmo, Rego demanda un xiro nas políticas realizadas polo Goberno do Estado a través de medidas “máis eficaces”, como estabelecer un tope ao prezo dos combustíbeis e a enerxía eléctrica, e apostar decididamente pola vía do diálogo e a negociación no conflito bélico.

O Bloque Nacionalista Galego recrimina a conduta persistente do Goberno do Estado en aprobar decretos “ómnibus” con medidas moi diversas, como acontece no RDL 20/2022. A pesar de que nel existen medidas positivas -ben que en casos non suficientes para a frente nacionalista-, inclúense outras máis cuestionábeis e mesmo negativas, o que levou a organización a se abster durante a votación e a exixir a tramitación como proxecto de lei.

Entre as negativas, a previsión de compensación ao oligopolio eléctrico cunha partida extraordinaria de 2.000 M€. “É hipócrita sinalar que as grandes empresas se están lucrando nesta crise e, por outro lado, que se lles compense economicamente polo que teoricamente deixan de gañar. É dicir, as eléctricas nunca perden” denuncia o deputado do BNG.

Mais, para o deputado do BNG, o elemento máis destacábel que condiciona a abstención da frente nacionalista é a “modificación da tramitación administrativa dos parques eólicos”, posto que se estabelece unha “nova regulación que deixa en mans das empresas todo o procedemento de autorización administrativa e elimina a necesidade das declaracións de impacto ambiental, así como a exposición pública. O deputado nacionalista explica que a eliminación deste procedemento implica que as persoas afectadas non poidan presentar alegacións.

“Isto supón unha barra libre para as empresas eléctricas e pon en perigo as zonas de especial sensibilidade ambiental, así como a actividade económica e, polo tanto, o modo de vida de moitas persoas con especial relevancia as persoas que se dedican ao sector primario” explica Rego. Neste sentido, a organización nacionalista reclama a tramitación do Real Decreto como Proxecto de Lei para “reverter esta modificación feita á medida dos intereses das grandes empresas” e “corrixir este despropósito para que se recupere a declaración de impacto ambiental e a exposición pública”.

“Galiza xa produce máis enerxía de fontes renovábeis da que consome. Mais, pola contra, temos máis de 300 proxectos de parques eólicos en tramitación cunha afectación ambiental, patrimonial, social e económica moi negativa” alerta o deputado do BNG. De facto, segundo sinala Rego, se se tiver tramitado esta modificación de maneira independente -sen o resto de medidas recollidas do “real decreto ómnibus”- tería “un contundente voto negativo do BNG”.

Un xiro na política do Goberno en favor da paz e as clases populares
En relación coa comparencia de Pedro Sánchez para dar conta dos últimos Consellos Europeos, o deputado do BNG avanzou a posición da frente nacionalista en relación aos dous temas fundamentais.

“Continuamos a reclamar unha modificación radical da regulación do sistema eléctrico e insistimos na necesidade de que exista un control público da produción de enerxía eléctrica por ser un ben esencial” adianta Néstor Rego. Esta proposta defendida pola frente nacionalista “implica a creación de empresas públicas que poidan ter baixo o seu control a produción de enerxía e, por tanto, tamén dos prezos. No inmediato reclamamos estabelecer topes aos prezos no mercado final, tanto nos combustíbeis como na enerxía eléctrica ”.

Na cuestión da guerra, Rego cualifica como “despropósito” que os principais gobernos da Unión Europea “continúen insistindo en alimentar a escalada belicista” a través do apoio militar e o envío de armas á Ucraína. “Isto vai na dirección equivocada da que se debería ir. O que non está a facer a UE é, precisamente, o esforzo que se debe facer para conseguir unha paz xusta e verdadeira: diálogo e negociación” defende Néstor Rego.
“Reclamamos a Pedro Sánchez un xiro nesta política de escalada belicista para apostar decididamente pola paz e a negociación” apunta o deputado do BNG. Se se continuar incrementando a escala bélica, alerta Rego, estarase a aumentar o risco de que o conflito escale á confrontación directa da OTAN ou o uso de armamento nuclear. “O Goberno español equivócase nesa estratexia seguidista dos intereses dos Estados Unidos, o único que está a gañar con este conflito mentres perden os pobos da Ucraína e de Europa” asevera.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.