Ecoloxistas en Acción Galiza pide á Fiscalía que investigue o posible delito que supón a masacre do zorro

A Asociación Ecoloxistas en Acción Galiza ven de solicitar á Fiscalía da Comunidade autónoma de Galicia a apertura de dilixencias de investigación por un presunto delito contra o medio ambiente e os recursos naturais.

A Federación galega de caza organiza as competicións de caza de raposos rexéndose polo regulamento de Caza Menor. Non obstante, a modalidade de caza utilizada é a batida, considerada de caza maior pola Lei de caza vixente. Que a batida sexa modalidade de caza maior supón ter que cumprir requisitos específicos de seguridade, de comunicación previa e de resultados, de normas de control de subproductos animais non destinados ao consumo humano e de sanidade animal.

A Xunta elabora os censos das especies cinexéticas únicamente a partir dos datos dos inventarios da fauna que forman parte dos Plans de Ordenación Cinexética dos tecor. O censo de raposos estimado pola Xunta a 30/05/2022, despois da pandemia na que se reduciron as actividades cinexéticas e non houbo competicións de caza, é de 46.863 raposos na comunidade autónoma; antes da pandemia, na tempada 2019/2020, con toda seguridade habería menos raposos. A Xunta tamén aporta o dato de que na tempada 2019/2020 se cazaran 15.728 raposos; posiblemente o número de raposos cazados obtido a partir de datos de capturas é inferior ao número de raposos cazados na realidade, porque os tecor que o solicitaron non teñen a obriga de contabilizar nas capturas os raposos cazados por danos.

A partir dos datos anteriores resulta un 33,56% de animais mortos, e dicir, en cada tempada de caza mátase máis da terceira parte da poboación total de raposos; é unha masacre.

A presión cinexética sobre o raposo é moi elevada porque se caza en tódolos terreos sen respectar nin os vedados; porque se pode cazar por danos durante todo o ano sen respectar as épocas de maior sensibilidade reproductiva; porque se poden cazar as crías e as femias seguidas de crías por ser considerada especie de caza menor (nas especies de caza maior está prohibido, agás no xabaril); cázanse  con modalidades de caza maior e menor e con municións de caza maior e menor, e ademais celébranse numerosas competicións de caza (campionatos oficiais e sociais, copas e probas clasificatorias) nas que o obxectivo é matar o maior número de raposos.

Os raposos tamén se cazan por xestión nos tecores que levan a cabo as denominadas «actuacións de mellora sobre poboacións cinexéticas que poidan ser afectadas negativamente polo raposo», ou sexa, soltas de perdices e coellos procedentes de granxas cinexéticas na maioría dos casos. A Xunta autoriza caza por xestión dos raposos en toda a superficie dos tecores sen esixir o informe técnico preceptivo para cazar en vedados.

Nas normas para os campionatos de raposo da FGC figura a seguinte observación: «Cando nos nosos montes escasea a perdiz, o coello e a lebre, vemos con xúbilo que o raposo aumenta cada ano a súa poboación.»

Coa caza sementada os cazadores alimentan aos raposos e aumentan a súa taxa de reproducción; así xustifican a súa caza. Os cazadores tamén son responsables de que a esperanza de vida dun raposo silvestre sexa únicamente duns 3 anos, debido á presión cinexética. As actuacións cíclicas de caza intensiva de raposos e de soltas de presas de caza menor, como coello e perdiz, afectan ao equilibrio dos ecosistemas.

Foto Econoticias

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.