Míriam Bermúdez propón crear unha rede de Centros de Interpretación en Viveiro

A día de hoxe o Concello de Viveiro non ten desenvolto coa contudencia que se require, inciativas para poñer en valor o gran potencial co que se conta a nivel de patrimonio histórico-cultural. Non contamos con un só centro de interpretación nin museo e non será por non ter patrimonio que mostrar», asegura a concelleira do BNG, Míriam Bermúdez.

Se quixeramos actuar seriamente non deberíamos facer uso da palabra «museo» á lixeira como ás veces se fai. A definición de «museo» está recollida na lei. A de «colección visitábel», tamén. Outra cousa son os centros de interpretación do patrimonio ao que, nesta iniciativa, nos imos referir.

Viveiro pois, hoxe sen museo algún, pode pór en valor o seu patrimonio creando centros de interpretación patrimonial. Se cadra, no futuro, algún destes centros poderían dar pé á fundación dun museo.

Míriam Bermúdez puntualiza que «estes centros poderían estar instalados nalgún edificio do Casco Histórico e tamén fóra del, sempre dende unha perspectiva de rehabilitación e dinamización. Non terían que estar abertos a diario nin atendidos permanentemente. Serían visitados dentro das actividades de visitas turísticas, culturais ou escolares.»

Coidamos que Viveiro tería que contar con:

  • Un centro de interpretación patrimonial sobre a Industria Conserveira. Podería estar en Celeiro e aproveitar unha edificación que no seu día foi un dos fabriquíns de conserva.
  • Unha Casa da Imprenta, no casco antigo de Viveiro, aproveitando antigas maquinarias e que recollese a historia destes estabelecementos que no pasado existiron na vila.
  • Unha Casa do Chocolate, tamén no casco histórico, na que se poña en valor estas pequenas industrias chocolateiras.
  • Un centro de interpretación da Mina da Silvarosa. Tería que estar na parroquia de Vieiro. (A antiga escola, como xa se ten proposto, podería ser o sitio  idóneo).
  • Un centro de interpretación patrimonial dedicado á Industria. (Parte da antiga escola de Chavín, hoxe Centro Social, podería servir para  esta instalación)

Sendo conscientes de que o que propoñemos cómpre realizar varias xestións para obter as posíbeis axudas e subvencións doutras administracións e tamén de particulares, o BNG presenta a seguinte PROPOSTA:

  1. Constituír unha Comisión Especial da que fagan parte todas as forzas políticas da Corporación Municipal que estude a creación de Centros de Interpretación do Patrimonio en Viveiro.
  2. Realizar a primeira das reunións e a concreción destes Centros antes do remate do actual mandato municipal.
  3. A programación para a apertura dos Centros que se decidan sería ao longo do vindeiro mandato municipal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.