O Concello da Coruña sacará a poxa forzosa aqueles inmobles en ruínas nos que as persoas propietarias non executen as obras de conservación esixidas

A alcaldesa, Inés Rey, presentou este martes o Plan Municipal para a Recuperación de Ruínas, unha iniciativa promovida desde a Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade co obxectivo de dar solucións máis áxiles ao estado de abandono no que están algúns edificios, soares e inmobles da cidade a causa do incumprimento das dúas obrigas por parte das persoas propietarias.

A través deste Plan, o Concello sacará a poxa pública forzosa aqueles inmobles nos que as persoas propietarias das edificacións incumprisen as súas obrigas en materia de
conservación e rehabilitación, nos prazos e condicións marcados pola lei. “A proposta ten unha dobre finalidade: a primeira permitir a conservación do patrimonio xa construído, facilitando o acceso a vivenda; e a segunda rematar cun problema existente na cidade desde hai décadas, como son os edificios e soares en ruínas, e que polo desleixamento da propiedade poden xerar puntos de insalubridade e inseguridade na cidade, ademais de contribuír á deterioración da calidade urbana”, subliñou Inés Rey.

O Concello elaborou un informe de diversos inmobles e soares baleiros que a día de hoxe se encontran en situación de abandono, e sobre os que o Concello emitiu a declaración de incumprimento das obrigas de conservación e rehabilitación que impón a lei. “Hai oito nos que se prevé actuar pola súa situación actual, sexa por antigüidade ou deterioración. Falamos de edificios situados na rúa Damas, no barrio da Cidade Vella; a rúa Orzán e a súa contorna; e tamén no edificio número 8 da rúa de Santa Lucía, onde o Concello asumiu en novembro os custos para demoler os restos interiores do inmoble e conservar a súa fachada, polo valor arquitectónico desta”, lembrou a rexedora.

Os oito edificios e soares en cuestión están situados na rúa Damas, 3; na rúa de San
Andrés, 140; rúa Pastoriza, 4; os números 72, 130 e 202 da rúa Orzán; rúa Herrador, 6; e rúa de Santa Lucía, 8. No caso dos soares baleiros, trátase —e tratarase, ao ser un
procedemento que pode ampliarse— daqueles que xa acollesen un edificio previamente e rematasen en demolición a causa do procedemento de ruína.

O primeiro dos inmobles que sairá a poxa forzosa será o situado no número 3 da rúa Damas, na Cidade Vella. O Concello xa iniciou o procedemento para a dita poxa. O edificio está declarado en ruína física desde o ano 2018, con orde —incumprida— de rehabilitación integral. Se as persoas propietarias do resto dos inmobles da listaxe de ruínas seguen a incumprir as súas obrigas, procederase tamén coa venda forzosa dos ditos inmobles.

Tras a poxa pública, un prazo máximo de nove meses para iniciar a rehabilitación

O procedemento que seguirá o Goberno municipal para a posta en marcha do Plan
Municipal para a Recuperación de Ruínas contempla, en primeira instancia, que o Concello dispoña da opción de sacar a poxa pública o inmoble ou soar en cuestión nun prazo máximo de seis meses desde a declaración de incumprimento.

O tipo de licitación será o que resulte da valoración da parcela ou inmoble e se a poxa se declarase deserta podería convocarse de novo nun prazo de tres meses, cunha rebaixa do 25% sobre o tipo de licitación inicial. Se a poxa volvese quedar deserta novamente, o Concello, nun prazo de seis meses, poderá adquirir o inmoble para incluílo no patrimonio público a un custo do 75% do tipo de licitación inicial.

A persoa ou entidade que adquira o inmoble ou soar exposto a poxa pública estará obrigada a iniciar as obras de rehabilitación nun prazo máximo de nove meses desde a toma de posesión do predio.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.