O Museo do Pobo Galego acolleu a presentación do libro sobre o Museo Provincial de Lugo

Acompañada pola vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro, a directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro presentou esta tarde o libro “Museo Provincial de Lugo: Orixe e consolidación (1932-1982)” no Museo do Pobo Galego, en Compostela
A autora repasou na súa intervención os contidos da publicación, que documenta a orixe e a consolidación do museo no primeiro medio século de andaina, no que, entre outros fitos, se trasladou do Pazo de San Marcos, ubicación inicial, ao antigo convento de San Francisco na praza da Soidade e se ampliou a sede, medrando en fondos e dotacións, coa creación do Arquivo ou da Biblioteca, e programando máis e mellores exposicións temporais.
Na súa intervención, Maite Ferreiro agradeceu a acollida do Museo do Pobo Galego, como espazo referencial na conservación e difusión da nosa cultural tradicional, e destacou a necesidade do traballo investigador para xenerar coñecemento e achegarnos con rigor á historia. Tamén convidou ao público a achegarse ao Museo Provincial, lembrando a importancia das coleccións artísticas e arqueolóxicas que alberga.
O acto contou tamén coas intervencións da autora, da vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro, da presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego Mª Concepción Losada Vázquez, do director do Museo do Pobo Galego Manuel Vilar Álvarez e da presidenta do Consello Galego de Museos Esperanza Gigirey Liste e do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia Anxo Lorenzo.