Os socialistas de Lugo denuncian que “o 54% das explotacións ecolóxicas quedaron sen axudas”

O Grupo Provincial do PSdeG pedirá no Pleno deste martes completar con fondos propios a cantidade orzamentada no ano 2022 ata acadar os 5,6M€ que son necesarios para cubrir tódalas solicitudes

O Grupo Socialista da Deputación de Lugo advirte de que o 54% das explotacións ecolóxicas de Galicia quedaron sen axuda, e demandan á Xunta que incremente os fondos. Por iso, defenderán no vindeiro Pleno ordinario da Deputación, que se celebra mañá martes, unha moción na que instan ao Goberno galego a completar con fondos propios a cantidade orzamentada no 2022 ata acadar os 5,6M€ que son necesarios para cubrir tódalas solicitudes.

A través desta proposta, propoñen ao PP “fornecer economicamente o orzamento destinado para as axudas ás producións ecolóxicas para cada ano do período 2023-2027. E instan ao Goberno da Xunta a darlle publicidade e transparencia ás decisións adoptadas para público coñecemento das e dos produtores en ecolóxico, co fin de que poidan reconducir as súas explotacións evitando perdas económicas inxustificadas”.

Dende finais do ano 2022, sindicatos labregos e asociacións de produtores ecolóxicos viñeron advertindo da escaseza dos fondos asinados pola Consellería de Medio Rural para facer efectivas as axudas ó sector. Unha situación que desgraciadamente revelouse certa, “xa que deixou sen axudas ó 54% dos solicitantes, un total de 318 agricultores/as e gandeiros/as, a metade deles na provincia de Lugo, así como o 43% das hectáreas solicitantes, o que pode supoñer o abandono das producións ecolóxicas”, advirten dende o PSdeG.

A Consellería de Medio Rural culpa aos produtores

Diante deste panorama, os propios produtores ecolóxicos sinalaron xa en novembro do ano pasado “que serían precisos arredor de 5,6M€ para cubrir a totalidade das axudas, cando a Xunta só tiña prevista unha partida de 3,1M€, motivo polo que reclamaron solucións á Consellería de Medio Rural”. De xeito sorprendente, a Consellería respondeu culpando da situación ós produtores/as, polo feito de que se terían incrementado as hectáreas rexistradas neste réxime, que terían pasado das 7.400 no ano 2021 a 12.400 no 2022.

Falta de previsión, incapacidade de xestión e nula aposta polo sector

Así as cousas, hai que lembrar que o obxectivo da UE para o ano 2030 é que o 25% da agricultura comunitaria sexa ecolóxica. “Pero lamentablemente a falta de previsión, a incapacidade de xestión e a nula aposta da Consellería de Medio Rural pola produción ecolóxica quedou de novo de manifesto o pasado 16 de xaneiro, na reunión do Consello Agrario Galego, xa que, lonxe de aportar solucións para que os produtores ecolóxicos excluídos das axudas do 2022 poidan percibilas, a Xunta só se comprometeu a estudar propostas de cara a garantir máis fondos no período 2023-2027, deixando sen axudas ós produtores prexudicados na última convocatoria”.

A proposta da Xunta de subir ata os 3,8M€ segue a ser insuficiente

A proposta da Xunta de subir as axudas neste ano 2023 ata os 3,8M€ segue a ser insuficiente e queda moi por debaixo das cifras apuntadas polos produtores, polo que, de non revisarse, “pode anovar o problema ó longo deste ano 2023 e actuar como un freo no desenvolvemento da agricultura ecolóxica na provincia de Lugo e en Galicia”.

Os socialistas subliñan o seu firme compromiso co defensa do sector primario da provincia, recalcando que este sector “aporta riqueza ó PIB, xera emprego e axuda a fixar poboación no rural, especialmente entre os máis novos. A aposta pola agricultura ecolóxica é, non só unha aposta firme da UE, senón un dos eixos que garanten a modernización e pervivencia do sector. Prexudicar á agricultura ecolóxica equivale a comprometer o futuro da nosa provincia”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.