Peluquería Mixta Friol, moitas preguntas por tanto silencio

Peluquería Mixta Friol é unha empresa. O nome fala do seu ámbito de actuación e do lugar no que ten a sede. Desde 2006 tamén é un club de fútbol feminino presidido pola mesma familia que rexenta a empresa. O presidente, desde o nacemento até hoxe, é Ángel Alfonso Villar Hermida. No mundo do fútbol coñécese polo seu alcume, Geluco.
Esta reportaxe recolle diversos momentos determinantes na historia dun club que está no foco de atención do fútbol feminino. O seu inusual comportamento en relación a outros clubs, o dis que dis, o silencio e afastamento do club cos medios, as súas recomendacións a xornalistas resilientes a esa situación, as liñas editoriais que lles pretende marcar, os impedimentos e as respostas sen voz ante solicitudes para entrevistar a xogadoras do seu club, son motivos suficientes para unha reflexión chea de preguntas. As preguntas, máis que desde aquí, poderían facerllelas institucións como a Deputación de Lugo, a Secretaría Xeral para o Deporte ou a Real Federación Galega de Fútbol, os seus fornecedores de diñeiro público. Feitas desde aquí estou convencido que probablemente nunca serán contestadas.
Precursor provincial
O club foi un referente no fútbol feminino galego nos seus primeiros anos. No ermo provincial lugués foi o único equipo feminino de fútbol durante máis dun lustro. É complicado ter un equipo feminino en Friol. Pouca poboación, poucas rapazas. O equipo comezou xogando no campo da Cheda, en Lugo. Geluco Villar foi un correcto xestor nun fútbol vocacional, mal desenvolvido, onde cun pouco de ollo foi bo pescador nun mar escaso e revolto. Moitas futbolistas de Vigo, da Coruña, de Ourense, tiveron acollida na casa amarela. Nunca foron o mellor equipo galego, pero case. Cando non foi por culpa de El Olivo, foi pola nacemento do Deportivo. Malia todo, as cousas comezaron a cambiar. O espertar do fútbol feminino non beneficia á Peluquería Mixta Friol. As presuntas compensacións económicas que xustificaban os custos de desprazamento de xogadoras á vila foron contrarrestadas por outras contraprestacións dadas por outros equipos cando clubs de cidades crearon os seus cadros femininos. Un desliz co Orzán, polo cobro de entradas mal conformadas, acabaron cunha denuncia administrativa ao comezo da pasada década. Aconteceu logo do partido entre as friolenses e as herculinas celebrado o 18/12/2011. As visitantes pararon o autobús diante do cuartel da Garda Civil e deixaron a súa reclamación antes de continuar a viaxe de volta á Coruña. O club sentiu a tensión con outras entidades moi cedo. Foi por catro patacóns, porque os outros non foron quen de captar o seu don de xentes, ou porque non tiveron paciencia para saber se Geluco Villar subía ou baixaba.
Dopaxe orzamentaria
Desde que o Friol comezou a rivalizar cos clubs galegos máis importantes, sobre todo logo do seu segundo ascenso ao segundo chanzo do fútbol estatal na temporada 2008/09, sempre se falou nos ambientes do fútbol feminino que o Friol xogaba economicamente “dopado”. Ser o único club de Lugo, ou o máis representativo da provincia no eido futbolístico cando apareceran a Milagrosa ou o At. Muralla, deulle vantaxe económica fronte aos outros clubs galegos por non ter que repartir cos da provincia as axudas da Deputación á que pertence territorialmente. Na medida que a Peluquería Mixta Friol aumentaba o seu nivel competitivo a entidade quixo ir desmarcándose do seu nome oficial. Desde a campaña 2009/10, apoiado no patrocinio municipal que enchía a parte frontal da camisola, desde a entidade deixábase notar que lle resultaba máis agradable que o club fose nomeado simplemente como Friol.
Pescar nas revoltas augas do Sil e mal navegar despois por elas
Outro dos momentos de inflexión na historia do club foi no 2013, cando o seu desencontro co Ponferrada. Pescar en río revolto facilitoulle o crecemento deportivo. O Ponferrada caeu en depresión un ano despois de competir con El Olivo por un posto na fase de ascenso á Superliga. Problemas internos no club dirixido por Ángel Molinero levaron a varias futbolistas a deixar de xogar para ese emblema. Geluco Villar abriulle as portas da súa casa a aquelas deportistas, entre elas unha das mellores da categoría: Eva Pérez. Eva pasou en Friol o seu primeiro ano sen xogar por imperativo legal, ao non recibir a carta de liberdade da entidade ponferradina. Diferente foi o caso das compañeiras da ex do Rayo Vallecano, nomeadamente Rai, Érica, Dana e Pincho. As catro formaron parte do plantel e con elas o Friol probou con moita frecuencia o sabor das vitorias. Na campaña 2014/15 Eva retornou legalmente ao fútbol. Entre esa temporada e a seguinte comezou a percibirse unha mudanza no xeito de dirixir o club. Filtracións de información sobre presuntas situacións incómodas vividas intra muros encamiñou a Geluco Villar a distanciar a entidade do foco dos medios de información de xeito progresivo. Hoxe, hai prensa da capital luguesa que non di nada sobre a Peluquería Mixta Friol. Incluso a que foi única publicación periódica galega sobre fútbol feminino acabou por asumir o silencio do club porque a Geluco Villar non lle gustaba que se falara da súa entidade como unha “estrutura de negocio”.
A queima dos adestradores
Un dos grandes erros de Geluco Villar foi defender o modelo que se formulou para o fútbol feminino no Congreso de San Sebastián (2018), antesala do que é hoxe. Era o que tamén defendeu a RFGF de xeito insensato, en canto que se pretendía correr máis rápido do que se podía, como estamos vendo. Sempre se observou que o presidente do club “peluquero” tivo querenza por reverenciar ao poder, chamárase Meana, Liñares ou Louzán. Esa forma de entender o mundo levou a Geluco Villar a non ver que a entidade deportiva que preside non estivera a altura das necesidades que ía impoñer o fútbol feminino moderno, máis esixente no trato á xogadora e con máis servizos e compromisos dos clubs. Un ano antes, 2016/17, salvando a excepción de Josito Jul Fraga, afamado futbolista da localidade, que volvería ao banco amarelo na 2018/19, o club deu o paso de contratar ao primeiro técnico “estranxeiro”: Diego Fernández. A historia do coruñés acabou antes do previsto, como a de todos os que virían posteriormente, Paco López (2017/18), Daniel Guerrero (2019/20), Abraham García e despois Luis Martín (2020/21). Ningún deles puido rematar a temporada. A única que parou o consumo indiscriminado de técnicos foi Covi Regueiro desde a 2021/22.
Fany Varela, Tino Saqués, Mery, Paula e a AFE
Tampouco rematou ben a futbolista máis emblemática na historia do club. Fany Varela, a mellor xogadora luguesa até a aparición de Lucía Pardo, deixou o club pola porta de atrás e nunca quixo falar dos motivos que a levaron a marchar para rematar a súa carreira no C.D. Lugo, no fútbol galego de categoría autonómica.
Desde o punto de vista das relacións institucionais, tampouco rematou ben a mantida durante unha campaña co C.D. Lugo. Tino Saqués debeu pensar que pagou demasiado diñeiro a Geluco Villar por poñer logo e cores branco e vermellos ás camisolas “peluqueras” na temporada 2018/19. Na seguinte tardou en tomar a decisión de renovar o acordo e, tal vez así, “vingou” as perdas do ano anterior cun “non” á continuidade da filialidade co Friol coa pretemporada o suficientemente avanzada. Geluco Villar tivo problemas para xuntar outros recursos privados que ampliaran o orzamento. Villar Hermida non perdoou aquilo a Saqués. Proba disto foron os comunicados emitidos na pasada temporada polo club amarelo, cando se negou a dar a carta de liberdade a varias xogadoras porque as súas confesadas pretensións eran as de marchar ao C.D. Lugo. Mery e Paula foron a moeda de cambio dunha conta pendente: un desafío entre homes no que dúas mulleres alleas a esa guerra foron prexudicadas. Geluco Villar non puido conseguir os cartos que pretendía e a temporada foi como o rosario da aurora. Puido xuntar xogadoras cun par de axentes que trouxeron estranxeiras, como as do paquete chegado de Extremadura. Curioso foi o de Mia Nemoto, a porteira xaponesa que non falaba gota de español. Estaba en Friol para aprender inglés co que legalizaba así a súa residencia. Bernardette Amani quixo marchar en decembro, pero o club non a liberou para fichar no Córdoba. Houbo denuncias á AFE que as xogadoras acabaron paralizando.
Nunca máis me chames para preguntarme pola miña etapa en Friol
O partido en Badalona (08/05/2021) foi a quebra total entre o plantel e o tándem Villar-Regueiro. O camiño entre Montigala e o aeroporto do Prat fíxose moi incómodo para algunhas xogadoras. A unhas e outros, como chegaron a declarar no programa In The Corner, fíxoselles eterno o remate da competición. Villar criticou ás xogadoras polo seu comportamento e as xogadoras criticaron ao club. Dato salientable é que 24 das 26 futbolistas do plantel, todas menos Covi, que se retiraba do primeiro equipo, e Nere Lombardero, formada na casa, que tamén quixo irse inicialmente, marcharon a lume de carozo. Hoxe, cando se lles pregunta por esa temporada na súa vida, responden que non queren lembrar esa etapa, como se estiveran suxeitas á lei da omerta’. Tampouco quixeron falar nunca nada técnicos citados como Diego Fernández, Daniel Guerrero ou Abraham García. Algún deles pediu de favor que nunca máis o chamara para preguntarlle pola súa etapa en Friol.
Covi Regueiro, a outra parte do binomio
Volvendo aos técnicos, só unha persoa foi quen de reverter eses finais prematuros: Covi Regueiro. Regueiro é un caso especial para a Peluquería Mixta Friol. A técnica é parte interesada do club. É a man dereita de Geluco Villar de toda a vida. Xa o era como segunda del na irmandiña universitaria de fútbol sala, tamén como capitá do equipo, como membro dunha xunta directiva que case ninguén coñece, ou como técnica in pectore do estraño equipo B. Ela é a única capaz de permanecer unha campaña enteira, e vai camiño da segunda, agás que isto estoupe. O problema é, como se demostrou desde que colleu o primeiro equipo no remate da 2020/21, que as que non queren seguir con ela son moitas das xogadoras.
Sofía Schell: Por que? Catro cousas certas e unha moi probable
Unha das que non queren seguir é a arxentina Sofía Schell. Así foi difundido hai dous días, o 29/01/2023, na Woso Promises Magazine. O comunicado aumentou a súa dimensión por un rechío do sitio-web futbolinlugo.com. O medio foi o primeiro en comezar a investigación sobre o que está pasando en Friol a través do xornalista Diego Díaz.
Por que deixa o fútbol Sofía Schell? O motivo da súa decisión fai estarrecer a calquera cun mínimo de sensibilidade: deixa o fútbol por problemas psicolóxicos.
Sobre a defensa arxentina e o Friol 2022/23 podemos enunciar unha dedución e catro verdades obxectivas.
Este ano debería ser un dos máis marabillosos para a defensa latinoamericana logo de estrearse coa absoluta da albiceleste no pasado mes de outubro. Se non certo, cando menos é lóxico pensalo.
A xogadora é compoñente do Peluquería Mixta Friol.
A xogadora non se incorporou ao club logo das vacacións da Nadal.
A xogadora acaba de manifestar que se retira do fútbol por problemas psicolóxicos.
No Friol hai unha marcha de xogadoras iniciada por Ali Martínez e Mabel Okoye.
Son eses cinco ítems suficientes para sinalar que o Friol causou un dano psicolóxico a Sofía Schell que lle fixo deixar o fútbol? Por que tomou a xogadora esa decisión agora, lonxe da influencia física do club?
Demasiadas preguntas e demasiado silencio
A maior parte dos ingresos que recibe a Peluquería Mixta Friol son de carácter público. Afortunadamente, todo o mundo é inocente até que se demostre o contrario. A Peluquería Mixta Friol é inocente porque non hai ningún feito, ningunha sentencia firme que o incrimine na comisión de delitos. As xogadoras, por outra parte, agás en dous casos que encamiñaron denuncias na AFE, non fan nada substancial que coloque á Peluquería Mixta Friol baixo o ollo da xustiza. En calquera caso, se non pasa nada dentro desa casa, si existen rumores que poden manchar a imaxe deste club.
Para que todo se transparente, non sería bo que a Deputación de Lugo, ou a Secretaría Xeral para o Deporte, ou a Real Federación Galega de Fútbol a través do seu secretario, Batalla Bautista, incluso o Consello Superior de Deportes, se interesaran por este asunto que comeza a crear inquedanzas entre asociacións e sindicatos?
Se temos en conta que aportan diñeiro público á Peluquería Mixta Friol, entendo que tamén están lexitimados para coñecer algo máis da casa á que destinan diñeiro. Por unha cuestión profiláctica, en beneficio da imaxe e rigor das institucións públicas, e na confianza de beneficiar tamén a imaxe da Peluquería Mixta Friol, pediría a Geluco Villar responder preguntas en catro eidos.
Administrativo:
Algunha vez alterou o club o contido dalgunha licencia asinada por unha futbolista sen que esta o coñecera?
Laboral:
Existen expedientes sancionadores realizados polo club cando hai multas ás súas traballadoras?
Caso da aplicación de multas económicas a xogadoras, como se declara o pago das mesmas?
Ingresou o club cantidades por chamadas cláusulas de rescisión aplicadas a xogadoras que decidiron abandonar o club?
De existiren, as mesmas son proporcionais aos salarios que reciben as futbolistas profesionais do club?
Hai xogadoras ameazadas coa perda parcial do salario se fan declaracións públicas?
Médico:
Existen ambulancias nos partidos deste club cando xoga no campo da Reigosa, como está esixido nas bases de competición? Lembremos que hai unha denuncia realizada polo Viajes Interrías F. Fem., recollida nas observacións da acta do partido, solicitando que conste que no día no que o club de Sanxenxo xogou en Friol non a había (03/12/2022).
Hai xogadoras con baixas laborais alegando razóns psicolóxicas?
Hai, ou houbo, xogadoras medicadas por causas psicolóxicas derivadas da relación co Peluqueria Mixta Friol?
Conta o club cun preparador ou preparadora física titulada?
Algún responsable do cadro técnico, sen cualificación científica, practicou intervencións terapéuticas sobre xogadoras, con ou sen consentimento?
Dereitos fundamentais:
Houbo nalgún momento limitacións ao dereito fundamental da liberdade de expresión por parte do Peluquería Mixta Friol ás súas xogadoras?
Negoulles o club a posibilidade de seren entrevistadas por algún medio de comunicación?
Preocupación por parte de asociacións e sindicatos
Logo do chío sobre as razóns da marcha do fútbol de Sofía Schell, a saída súbita doutras futbolistas do club e o pasado recente do club negando cartas de liberdade con carácter discriminatorio, habidas na campaña anterior, a asociación A terra o balón, máis elas acaba de difundir unha mensaxe de preocupación polas noticias que están circulando sobre o que está a acontecer no Peluquería Mixta Friol. Desde esta easociación ofrécese unha ligazón para calquera xogadora que precise axuda ou información. A través dela poderá reportarse calquera conduta irregular que sufra unha futbolista en calquera momento.
Caso de existiren comportamentos irregulares por parte dos clubs e axentes, desde a AFE insisten en pedir o compromiso das xogadoras para denunciar calquera que consideren ilegal, ou desproporcionado. Logo de pedir información sobre posibles reclamacións de xogadoras contra o Peluquería Mixta Friol ao sindicato, a institución respondeu afirmativamente sobre a existencia das mesmas.