PSdeG. «A Xunta abandonou os Montes Veciñais e de Man Común e urxe á constitución do Consello Galego de MVMC»

Carmen Rodríguez Dacosta alerta de que 3 de cada 10 montes atópanse sen actividade, unha “fonte de riqueza” que a Xunta “desperdicia”

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, acusou hoxe á Xunta de “abandonar” os montes veciñais e de man común -MCMV- de Galicia, ata o punto de que 3 de cada 10 están sen actividade a día de hoxe. A parlamentaria socialista presentou unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta a constitución do Consello Galego de MCMV e un plan estratéxico para a xestión destes terreos.

A parlamentaria socialista reclamoulle á Xunta que “abandonen o negacionismo social e aposten pola participación pública” para encetar unha estratexia de xestión dos MVMC “da man dos afectados, que os implique no proceso e lles facilite mecanismos para a súa implantación”. Engadiu que estes montes “teñen que asumir o papel económico e estratéxico que lles corresponde, e a Xunta de Galicia debe darlles os instrumentos para elo”.

Os montes de xestión pública teñen unha produtividade de 1 metro cúbico por hectárea, cando os de xestión privada chegaron aos 6,2, segundo os rexistros do ano 2021. Responsabilizou á Xunta do “desperdicio dunha fonte de riqueza, económica e social, unha oportunidade de creación de emprego e de asentamento poboacional”, e reclamou que “non veñan aos MVMC como un problema, senón como unha oportunidade”.

Rodríguez Dacosta urxiu ao goberno galego a realizar unha investigación do estado destes terreos, para a partir elaborar un plan de estratéxico que permita aproveitar a súa potencialidade de desenvolvemento económico e de protección do medio ambiente, que inclúen un papel fundamental para minimizar o impacto dos incendios en Galicia.

Lembrou que Galicia conta con 3.372 montes coa consideración de monte veciñal en man común, que ocupan 662.404 hectáreas, o que supón unha cuarta parte do territorio galego en 248 dos 313 concellos de Galicia. Esta situación, cun tamaño medio por enriba ás 200 hectáreas, fai que sexan os “grandes propietarios galegos”, polo que “teñen que ter un papel principal na ordenación do monte galego”.

Rodríguez Dacosta chamou a reforzar o protagonismo desta figura, configurándoa como “axentes fundamentais de capacidades para a súa posta en valor”, ao tempo que facilitan a intervención publica cando se poida producir inacción cando se poña en risco o monte. Chamou a adecuar a norma aos “cambios profundos” na sociedade galega, sinaladamente co despoboamento no rural, que fixo desaparecer moitas comunidades de montes, malia o mantemento do monte veciñal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.